Ir o contido principal

Catro textos inéditos da tradición xacobea previos ao século XIII integrarán un volume no que se revisan os xa coñecidos

A copia máis antiga da Concordia de Antealtares. FOTO: Arquivo Histórico da USC
A copia máis antiga da Concordia de Antealtares. FOTO: Arquivo Histórico da USC
O profesor Joel Varela elabora coa axuda da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC unha monografía que incorpora catro novas versións do relato da traslación, clave para a historia das peregrinacións a Compostela

Compilar todos os textos sobre o apóstolo Santiago en Compostela e as peregrinacións ao seu sepulcro, traducilos ao castelán e realizar un estudo inicial e un aparello de notas coa finalidade de compoñer unha monografía útil tanto á comunidade académica como ao público xeral é o obxectivo dun proxecto do profesor da USC Joel Varela Rodríguez, quen recibiu para esa finalidade unha axuda da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago, grazas á V Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións-2023, froito da colaboración entre USC e Turismo de Galicia.

“Os textos inéditos máis reseñables son catro novas versións do relato da traslación, todas elas probablemente da segunda metade do século XI e tamén probablemente escritas en Compostela, aínda que están conservadas só en manuscritos extrapeninsulares. De entre estos os únicos que se encontran en acceso aberto son dous da biblioteca estatal de Múnic: son os códices Clm 2552 e Clm 3704”, explica Joel Varela, quen é profesor da Área de Filoloxía Latina do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC.

Outro texto relevante, segundo indica, é “a Concordia de Antealtares, que recolle a versión máis extensa do achado da tumba de Santiago. Non estaba inédita, pero só existían transcricións das copias e non do documento máis antigo, que foi modelo das outras copias conservadas e que se conserva no Archivo Histórico Universitario da USC”.

A memoria do proxecto de investigación, titulada Máis aló do Códice Calixtino. Compilación, tradución e comentario dos textos da tradición xacobea ata o ano 1200, acaba de ser publicada na web da Cátedra, desde onde se salienta que o fenómeno histórico das peregrinacións á cidade de Santiago non se comprende sen unha serie de textos, de procedencia e cronoloxía diversa, que lexitiman e dan veracidade aos distintos factores que motivan esas peregrinacións: a predicación do apóstolo Santiago o Maior na Península Ibérica, a translación do seu corpo a Galicia e o achado milagroso da súa tumba en Compostela. Algúns destes textos pasaron a configurar o chamado Liber Sancti Iacobi, cuxo testemuño máis antigo e importante, o Códice Calixtino, é hoxe ben coñecido, existindo unha transcrición recente e traducións anotadas a diversas linguas.

Con todo, ata finais do século XII aproximadamente, puxéronse por escrito outra serie de textos que non foron incorporados ao Liber sancti Iacobi e que, en moitos casos, son de importancia capital para a comprensión do fenómeno xacobeo; basta citar, por exemplo, a Concordia de Antealtares, a Epístola do papa León ou varios himnos na honra de Santiago, así como os primeiros testemuños de peregrinacións a Compostela. A pesar da relevancia histórica desta armazón textual, actualmente moitos dos textos áchanse dispoñibles só en edicións dispersas e de difícil acceso. Por outra banda, practicamente ningún destes textos, todos eles en latín, conta cunha tradución a unha lingua moderna.

O obxecto do proxecto de Joel Varela foi reunir todos os textos referentes ao apóstolo Santiago en Compostela e ás peregrinacións xacobeas ata finais do século XII, momento no que termina de configurarse o canon fundamental, para logo traducilos ao castelán, cunha pertinente introdución histórica e as correspondentes anotacións. Iso dará lugar a unha monografía que, unha vez publicada, cumprirá dous obxectivos fundamentais: o primeiro, poñer ao dispor da comunidade académica a primeira compilación e tradución de todos estes textos, facilitando o seu acceso aos especialistas do fenómeno xacobeo en Historia, Historia da Arte ou Filoloxía cando precisen recorrer a estas fontes textuais para as súas investigacións; o segundo, difundir entre o público xeral esta colección de textos, que, á vista do éxito das peregrinacións nos últimos anos, é previsible que teñan unha boa recepción entre persoas non especialistas.

No curso do proxecto, observouse que algunhas edicións eran deficientes e existía unha certa cantidade de textos inéditos, sobre todo referentes á translación do corpo do apóstolo Santiago de Palestina a Galicia. Por iso, a monografía, que se agarda saia proximamente, propón tamén edicións moi revisadas de textos coñecidos e, nalgúns casos, a primeira publicación dalgúns textos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2024.