Catrocentos estudantes de Medicina asisten en Santiago ao seu décimo Congreso Internacional de Cirurxía
O Grupo Independente de Estudantes de Medicina (GIME) da USC organiza por décimo ano consecutivo o Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes que reunirá en Santiago entre este mércores 26 e o 28 de novembro a catrocentos universitarios de ramas sanitarias de universidades españolas, dos que moitos presentarán novos traballos de investigación.
A inauguración do encontro terá lugar ás 10:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina nunha cerimonia presidida polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e á que tamén asisten o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González; o director xeral de Ordenación e Calidade, Ramón Leis; a concelleira de Educación de Santiago, Guadalupe Rodríguez; o vicedecano da Facultade, José Luis Relova; o presidente da Real Academia de Medicina, José Carro; o catedrático e director científico do encontro, Miguel Caínzos; e o presidente de GIME, Felipe Trillo.
Deseguido, o catedrático de Cirurxía da Universidade Complutense de Madrid Enrique Moreno González, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 1999 e hoxe xefe do servizo de cirurxía xeral do Hospital 12 de Octubre de Madrid, pronunciará a conferencia inaugural ‘Transplante de intestino’. Continuará a xornada da mañá coa presentación de comunicacións orais de estudantes.
Incentivar aos futuros profesionaisEste congreso internacional, que trata de incentivar ás novas xeracións de profesionais das distintas ramas biosanitarias para que desenvolvan o seu interese pola investigación, é unha das actividades organizadas por e para estudantes máis antigas e máis coñecidas do ámbito universitario estatal. Trátase dunha iniciativa do Grupo Independente de Estudantes de Medicina (GIME), asociación estudantil nacida en 1998 na USC, que conta co respaldo do seu Departamento de Cirurxía e da Facultade compostelá.
Durante as tres xornadas do encontro, terán lugar conferencias de reputados cirurxiáns internacionais xunto con relatorios de alumnos de toda España. Dende o seu inicio en 1998, teñen asistido como oíntes a este congreso preto de cinco mil alumnos de Medicina de España e Portugal.
ProgramaAs sesións científicas do encontro continuarán o mércores pola tarde cunha mesa redonda, ás 16:30 horas, sobre a ensinanza da cirurxía no marco do Espazo Europeo de Educación Superior na que participarán profesores e alumnos de distintas Universidades. Continuarase cunha conferencia do xefe de Cirurxía Pediátrica do CHUS, Ramiro Varela, titulada ‘O porqué da cirurxía pediátrica’.
Xa o xoves, e complementariamente ás exposicións que os estudantes fan cada día sobre múltiples aspectos científicos, será a quenda ás 10:00 horas do profesor emérito da USC Joaquín Potel cun relatorio sobre a problemática actual da cirurxía en Europa. Deseguido intervirá o profesor da Universidade portuguesa de Porto Amadeo Pimenta, que falará concretamente da cirurxía do esófago. Esa mesma tarde desenvolverase a segunda mesa redonda sobre avances en cirurxía na que intervirán expertos de cada unha das especialidades.
A última xornada do congreso comezará cunha conferencia do traumatólogo do CHUS Jesús Pino para rematar, ás 12:00 horas, coa conferencia de clausura a cargo do xefe do Servizo de Cirurxía Xeral no Centro Hospitalario de Poissy-Saint-Germain e presidente electo da European Association for Endoscopic Surgery, Abe Fingerhut, e a entrega de premios ás mellores exposicións.