Ir o contido principal

Caxade presenta este xoves na luguesa Praza de Santa María o álbum ‘E isto é o amor’ no marco do Lubicán 2018

Integrantes da banda Caxade
Integrantes da banda Caxade
O concerto, de entrada libre e de balde, comeza ás 21.00 horas e, en caso de choiva, trasladarase ao Círculo das Artes de Lugo

Caxade, o proxecto persoal de Alonso Caxade, presentará este xoves 26 de abril, a partir das 21.00 horas, na luguesa Praza de Santa María, o seu último traballo ‘E isto é o amor’. O concerto que ofrecerá este banda de folk-pop, cuxa sonoridade achega un arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa, encádrase dentro do ciclo Lubicán 2018, unha programación a prol dos novos artistas galegos e en galego, organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

A banda musical de Alonso Caxade, nada o último trimestre de 2012 como un proxecto audiovisual transgresor , conta co seu propio selo cooperativo Discos da Máquina , a través do que publicou o seu primeiro traballo discográfico titulado ‘A Dança dos Moscas’, unha produción na que participaron os mesmos músicos que na actualidade seguen a formar parte desta banda: Manu Paino (trompeta e teclado), Manu Espinho (bombardino e trombón), Xosé Tunhas (batería) e o propio Alonso Caxade (voz e acordeón).

No seu último álbum, ‘E isto é o amor’, o segundo de estudio e o terceiro da discografía desta banda pontevedresa, Caxade afonda nas súas propias raíces. Daquela, neste disco, ao que dá nome unha letra de Séchu Sende musicada polo propio Alonso Caxade, esta banda explota o seu poderoso e envolvente directo, unha música que gusta por igual ao público ‘indie’ e ao ‘folkie’ e que non deixa indiferente a ninguén.

Trátase pois da consolidación dun son e dunha voz que insuflan aires de pop na música tradicional galega, unha sonoridade coa que poderá gozar este xoves o público lugués nun concerto de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado. En caso de choiva, a sede do concerto mudará da Praza de Santa María ao Círculo das Artes de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2018.