O CEA acolle unha xornada sobre a colaboración público-privada para o descubrimento de fármacos en España
Expertos do ámbito farmacéutico de todos os sectores reuniranse este xoves 19 no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago (Parque de Vista Alegre. Rúa Salvadas s/n) para presentar e impulsar nunhas xornadas as iniciativas de colaboración público-privadas que se están producindo no descubrimento de fármacos.
A inauguración do encontro terá lugar ás 9:30 horas nun acto presidido pola vicerreitora María José Alonso e no que tamén participan o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díez de Castro, o coordinador Industrial de PTEMI, Javier Urzay; o xefe de división de Ciencias da Vida do CDTI, Nabil Khayyat; e a profesora da USC e coordinadora do encontro, Mabel Loza.
Na xornada, enmarcada nas actividades da Rede Galega de I+D de fármacos e do proxecto ChemBioGal, presentarase a Primeira Guía de Centros de Descubrimento Temperán de Fármacos (Screening Preclínico) en España, promovida pola Plataforma Española de Medicamentos Innovadores na que participaron institucións públicas e privadas e que quere converterse nunha ferramenta de traballo útil para todos os implicados na investigación de medicamentos.