O Cebiovet é un novo impulso para o Campus Terra e axudará a mellorar a calidade da docencia e da I+D+I, sinala o reitor da USC
A posta en marcha do Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) constitúe un impulso para o Campus Terra, ao tempo que supón una nova plataforma que contribuirá a mellorar a docencia e as actividades de I+D+i que se están a desenvolver na Facultade de Veterinaria e na Fundación Rof Codina, así como no conxunto do campus universitario de Lugo, sinalou o reitor da USC na apertura deste centro
A posta en marcha deste centro de investigación e experimentación ao abeiro da Fundación Rof Codina encádrase dentro da estratexia de especialización do campus de Lugo da USC, lembrou Viaño. O Cebiovet é un novo reto, do mesmo xeito que o Campus Terra supón un proxecto que está chamado a facer deste campus da USC unha referencia nacional e internacional nos eidos veterinario, agrario e das industrias agroalimentarias. Logo de lembrar a figura e o legado do veterinario lugués Juan Rof Codina, que dá nome á fundación homónima creada hai xa dúas décadas ao abeiro da Facultade de Veterinaria da USC, Viaño indicou tamén que o Cebiovet contribuirá a facer de Lugo a cidade do coñecemento da natureza que a rodea. O salto de calidade que reporta a apertura deste centro de referencia en biomedicina veterinaria, un centro único en España e adaptado aos estándares de calidade europeos, así como as novas posibilidades de I+D+i que ofrece para a sede universitaria luguesa foron dúas das ideas máis repetidas no acto inaugural do Cebiovet, un centro que tamén constitúe unha nova vía de colaboración para as farmacéuticas e que conta cos equipamentos científicos necesarios para a testaxe e desenvolvemento de novos medicamentos, segundo dixo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Feijóo referiuse ao Cebiovet como un centro de referencia en biomedicina veterinaria con capacidade para actuar como complemento do Sistema Universitario Galego en moi diferentes actividades e proxectos de I+D+i. O presidente da Xunta de Galicia tamén fixo fincapé na importante inversión realizada pola Administración autonómica neste centro, unha contía económica que cifrou en máis de catro millóns de euros e que supón a “maior inversión da Xunta de Galicia no campus de Lugo na última década”. Feijó destacou asemade que esta importante inversión permitirá mellorar o grao de eficiencia dos distintos sectores produtivos de Galicia. O Cebiovet abre novas portas para captar proxectos de I+D nacionais e internacionais, e polo tanto depara novas vías de facturación e de xeración de valor engadido, indicou Feijóo, quen, non reparou en eloxios para a xestión que está a realizar a Fundación Rof Codina, “que cubre máis da metade do seu orzamento coa facturación por prestación de servizos e traballos”. Na mesma liña apuntada por Feijóo, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, fixeron fincapé nas novas oportunidades que supón o Cebiovet para a cidade e a provincia de Lugo, ademais para o seu campus. A relevancia da posta en marcha deste centro de referencia en biomedicina veterinaria afecta sobre todo ao ámbito docente e científico, pero tamén ten repercusións de carácter económico, xa que este centro pode facer de Lugo un polo de atracción de novas industrias, indicou a alcaldesa Lara Méndez. Instalacións e equipamentos O de Investigación en Biomedicina y Veterinaria (CEBIOVET) está estruturado en diversos módulos que ocupan unha superficie de máis de 4.700 metros cadrados. Estas instalacións, que inclúen módulos adaptados para grandes e pequenos animais, así como outras dependencias parar aloxamentos e tamén para o desenvolvemento de distintas probas e tratamentos de experimentación, cumpren as ratios de calidade e a normativa vixente en Europa, segundo indicou o xerente da Fundación Rof Codina. O profesor da USC Luis Felipe de la Cruz Palomino indicou asemade que o reto da calidade non era nova para a Facultade de Veterinaria de Lugo, nunha alusión ao proceso de renovación da acreditación da homologación europea ao que se enfrontará nos próximos anos o centro universitario lugués. O xerente da Fundación Rof Codina tamén se mostrou optimista de cara as novas posibilidades que se abren coa disposición dunhas instalacións modernas e ampliadas, cuxa superficie dispoñible duplica a das instalacións existentes ata a data. A apertura oficial das instalacións do Cebiovet na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo congregou este venres unha nutrida comitiva de representantes políticos, entre os que figuraban os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen ademais tamén forman parte do padroado da Fundación Rof Codina. A comunidade científica e universitaria tamén se deu cita neste acto institucional, ao que asistiron ademais do reitor da USC e os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente, o xerente da USC, José Manuel Villanueva, ou o ex reitor Juan Casares, así como directores e decanos de centros e investigadores do campus de Lugo. Feijóo departe con Viaño durante unha visita polas instalacións do Cebiovet