Ir o contido principal
  • USC

Cen anos de estudos de Historia na USC

Exterior da Facultade de Xeografía e Historia
Imaxe de arquivo da fachada da Facultade de Xeografía e Historia
O calendario de actos que se desenvolve baixo o lema 'Estudos de Historia na Universidade de Santiago: da fundación á internacionalización (1923-1973)' botou a andar este xoves 24, no Paraninfo da Universidade, cun acto institucional que serve de punto de partida para dúas xornadas de actividades conmemorativas
Santiago de Compostela

Baixo o lema 'Estudos de Historia na Universidade de Santiago: da fundación á internacionalización (1923-1973)', a USC conmemora neste ano académico 2022-2023 o centenario dos estudos de Historia. O calendario de actos botou a andar este xoves 24, no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia, cun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que serve de punto de partida para dúas xornadas de actividades conmemorativas. Ás accións que integran este primeiro encontro, engadiráselle un segundo que se desenvolverá no mes de marzo.

No acto de apertura, ademais do reitor, interviñeron Marco Garcia Quintela, decano da Facultade de Xeografía e Historia; o profesor emérito Ramón Villares, coordinador do centenario; Rosario Alvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e docente na USC; e Román Rodriguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia. O profesor Villares foi o encargado de pronunciar o discurso de conmemoración académica 'Os primeiros pasos dunha facultade (1923-1936)'. O acto foi amenizado con diferentes momentos musicais por conta de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez.

O reitor identificou estes estudos como herdeiros dun pasado amplo da USC e dun patrimonio construído colectivamente, pero que non deixa de coidar o presente e mirar cara o futuro, como poñen de manifesto a súa “participación exemplar” nos procesos de captación de recursos humanos ou a súa capacidade de adaptación para atender dende os planos de estudos as esixencias actuais. Tamén o conselleiro Román Rodríguez subliñou a relevancia deste estudos ao afirmar que “a historia de Galicia non sería o mesmo sen esta Facultade”. O coñecemento xerado ao redor da Historia “fainos máis libres e críticos” e “favorece o debate na diversidade”. Nun “momento cambiante”, de “tempos convulsos e complexos”, na súa opinión é “non seremos unha sociedade avanzada e libre” sen o desenvolvemento desta disciplina do coñecemento.

Pola súa banda, Rosario Álvarez e Ramón Villares aludiron ao desenvolvemento destes estudos no período agora conmemorado,  reivindicando, tal e como sinalou Villares, que “temos a obriga de mirar cara ao futuro dende o que somos e o que quixemos ser”. A presidenta do Consello da Cultura Galega sinalou tamén que este acto permite homenaxear e facer xustiza a todos os historiadores e historiadoras que desenvolveron esta disciplina. Pola súa banda, o decano da Facultade enumerou algúns das liñas de traballo que o centro afronta ao longo de todo o curso 22/23, na súa maioría orientados a adaptar os estudos ás demandas máis recentes e a fortalecer a imaxe do centro.

Este primeiro encontro conmemorativo continuou ao longo de toda a xornada con varias mesas redondas e conferencias nas que se abordaron cuestións como a pluralidade dos estudos da Facultade, o pasado dos estudos de Historia, ou a historiografía durante o primeiro franquismo. O venres 25, a partir das 10.00 horas e tamén no Paraninfo, retómase o programa de actividades deste primeiro encontro cun relatorio sobre a historiografía nos anos sesenta e unha mesa redonda sobre o Congreso de Metodoloxía  Aplicada das Ciencias Históricas de 1973. O programa completo pode consultarse nesta ligazón.

 

De esquerda a dereita, Ramón Villares, Rosario Álvarez, Román Rodríguez, Antonio López e Marco Garcia Quintela. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ramón Villares, Rosario Álvarez, Román Rodríguez, Antonio López e Marco Garcia Quintela. Foto: Santi Alvite
A sesión inaugural da xornada celebrouse no Paraninfo da Universidade. Foto: Santi Alvite
A sesión inaugural da xornada celebrouse no Paraninfo da Universidade. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2022.