Ir o contido principal

Cen minutos para pensar contra a violencia de xénero

Cen minutos para pensar contra a violencia de xénero
Cen minutos para pensar contra a violencia de xénero

Conscientes do papel crucial que teñen como futuros educadores e educadoras, o alumnado da materia Socioloxía da Educación da USC que imparte Jorge García Marín desenvolverá en Santiago este venres, 1 de decembro, a Iniciativa 100MP=10Px10M.

‘100 Minutos para Pensar= 10 Performances /10 minutos’ é unha acción de protesta contra a violencia de xénero na que levan traballando dende setembro. “Para a representación escollemos un venres despois do día 25 para xogar coa instauración dun ‘Gender Black Friday’ non comercial”, explica o profesor García Marín.

Coa iniciativa, engade, “as futuras mestras e mestres pretenden lanzar en distintas prazas e rúas da cidade un manifesto de 100 minutos para pensar, 100 minutos simbólicos para cambiar as nosas concepcións do que significa ser muller e home”.

O circuíto de dez representacións comezará ás 10.30 na Praza do Obradoiro e de aí irá alternándose cada cuarto de hora pola Quintana, de novo o Obradoiro, a rúa Galeras, as Praterías e a Praza Roxa. O percorrido rematará ás 13.45 horas fronte á entrada da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2017.