Medio centenar de estudantes de secundaria de toda Galicia analizarán na USC os datos do acelerador do CERN
50 estudantes de secundaria de toda Galicia participarán este xoves 26 na Facultade de Física nunha nova edición das International Masterclasses, unha xornada na que poderán interactuar ao longo dun día cos investigadores do Large Hadron Collider do CERN e tratar de dar caza ás partículas máis fundamentais traballando con datos reais do acelerador internacional. A xornada deste xoves 26 na Facultade de Física comezará ás 9.30 horas coa recepción de participantes na Aula Magna e continuará ás 10.00 horas cunha conferencia introdutoria sobre Física de Partículas. Científicos de 210 universidades e laboratorios en 42 países en todo o mundo toman parte nesta sesión, na que se reflicte a participación internacional arredor deste proxecto centrado na Física de Partículas. O estudantado que acudirá á Facultade de Física compostelá poderá experimentar nun entorno real as dinámicas de traballo dos distintos grupos internacional que interactúan arredor do CERN, achegando os seus propios resultados a unha posta en común dun xeito semellante a como se fai nas colaboracións internacionais. A participación galega nesta xornada está coordinada polo Departamento de Física de Partículas e a Facultade de Física e organizada por Carlos Pajares, Carlos Salgado, Cibrán Santamarina, María Vieites e Julián García, do Departamento de Física de Partículas e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.