O medio centenar de participantes do programa Argos inician a segunda fase do proxecto
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) coa colaboración de Uninova e das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración de Empresas de Lugo está a desenvolver estes días, nos dous campus, os obradoiros correspondentes á implantación da segunda fase do programa ARGOS. Este programa está dirixido a persoas comprometidas, entusiastas, innovadoras e dispostas a traballar en equipo, para acompañalas na construción do seu ARGO: un proxecto de negocio innovador, no que embarcarse na busca do seu futuro. Na primeira fase, denominada ‘Enrólate’ (xa finalizada), inscribíronse un total de 54 persoas ás que se lles facilitou o acceso tanto á base de datos de ideas propias doutros ‘argonautas’ como a unha carteira de 30 patentes da Universidade de Santiago sobre as que traballar. Ademais proporcionóuselle información sobre innovación e emprendemento a través das redes sociais. Na actualidade estanse a levar a cabo os tres obradoiros que compoñen a segunda fase do programa ‘Os tres materiais básicos do Argo’. Trátase de tres talleres sobre a Idea, O plan e o Equipo nos que os participantes comezan a manexar a través de accións participativas os materiais básicos para a construción do seu proxecto empresarial. No primeiro destes encontros, desenvolvido na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, a vicedecana de Relacións coas Empresas e Institucións deste centro, Loreto Fernández, deulle a benvida ao alumnado poñendo en valor a importancia de integrar ao estudantado da titulación que representa, con coñecementos de xestión empresarial, nos equipos de emprendedores. Entre os meses de outubro e decembro desenvolveranse o resto das fases do programa: O teu Argo: fainos unha proposta e Constrúe o teu proxecto: aprender facendo, reto final. Lugo A creación de equipos de emprendemento centrará este martes 24, a partir das 16.00 horas no seminario 1 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, o primeiro dos obradoiros do programa Argos que se desenvolverán esta semana no centro universitario lugués, o mesmo escenario que o xoves 26 acollerá outra sesión deste proxecto, na que se abordará o plan de negocio. Argos O proxecto Argos, orientado á constitución e ao adestramento de equipos emprendedores, busca identificar e axudar a potenciais emprendedores a crear novas empresas en colaboración cun equipo multidisciplinar. Argos propón un modelo de emprendemento diferente á tradicional concepción individualista. Neste senso, defende a creación de equipos de traballo eficientes e innovadores abertos á participación de persoas con distintos perfís de aptitudes e competencias, xa que a combinación destes elementos constitúe un factor clave no éxito dunha iniciativa emprendedora. Outro dos obxectivos deste programa da USC pasa por xerar oportunidades para mobilizar e transferir coñecemento xerado nos seus departamentos e laboratorios, poñéndoo ao servizo dun plan de negocio no que non necesariamente debe participar persoal do grupo que xerou tal coñecemento.
Argos baséase nunha metodoloxía de aprender facendo e os participantes neste programa teñen á súa disposición recursos técnicos e tamén o apoio de mentores especializados. Asemade, os equipos de emprendedores que desenvolvan a súa idea ou plan de negocio contarán tamén con asesoramento no proceso de constitución e lanzamento das súas respectiva iniciativas.
Na actualidade celébranse os tres obradoiros que compoñen a segunda fase do programa, dedicados á Idea, ao plan e ao Equipo