Medio centenar de titulados celebran este sábado ás vodas de prata da primeira promoción da Facultade de Veterinaria de Lugo
A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará este sábado, día 21 de xuño, o acto académico conmemorativo das vodas de prata da primeira promoción de titulados egresados do centro universitario lugués, unha sesión para a que teñen confirmada a súa asistencia preto de 50 veterinarios que completaron os estudos de licenciatura no campus lugués entre 1984 e 1989.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidirá a celebración desta emotiva sesión académica, na que intervirán como relatores o actual decano da Facultade de Veterinaria de Lugo e alumno da primeira promoción de egresados, Germán Santamarina Pernas, e o presidente do colectivo de antigos alumnos do centro, Ángel Álvarez Prechous. O profesor da área de Medicina e Ciruxía Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, José Luis Benedito Castellote, intervirá no acto en representación do profesorado do centro universitario, mentres que María Amparo Seijas Carballedo fará o propio como voceira do estudantado. Unha vez rematado o acto académico promovido por un grupo de titulados da primeira promoción de egresados de Facultade de Veterinaria de Lugo, todos os asistentes compartirán, a partir das 15.00 horas, un almorzo de confraternidade no Gran Hotel Lugo.