Ir o contido principal

Un cento de docentes e PAS participaron este ano na campaña Nais con Ilusión

Foto de grupo de nais, madriñas e persoal da USC e da Asociación CentinELAS. Foto: Servimav USC
Foto de grupo de nais, madriñas e persoal da USC e da Asociación CentinELAS. Foto: Servimav USC

A Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega acolleu este xoves o acto simbólico de entrega de agasallos da campaña Nais con Ilusión. Grazas a esta iniciativa, un cento de mulleres en risco de exclusión social disporá estas festas de Nadal dun agasallo para elas, “non para a súa familia senón para elas mesmas, para que sintan que tamén son protagonistas da súa propia vida”, como explicou unha representante da asociación promotora, CentinELAS.

Para a vicerreitora Dolores Álvarez, a cuxa vicerreitoría pertence o Servizo de Participación e Integración Universitaria que traballou na campaña, “a pobreza continúa a ter nome de muller, e unha universidade responsable como a nosa non o pode permitir, por iso ademais destas accións debemos pór o noso coñecemento e os nosos recursos a disposición de toda a sociedade”, dixo.

Esta segunda campaña na USC duplicou a do ano pasado, de maneira que estes días entregarán os agasallos de 98 padriños e madriñas, todos membros da comunidade universitaria. Ao acto de hoxe asistiron varias nais que manifestaron sentirse agradecidas por poder sentirse protagonistas “ nunhas datas nas que nos volcamos nos nosos fillos e fillas e non pensamos en nós”.

A Asociación CentinELAS traballa con mulleres e familias compostas por mulleres xestantes ou con crianzas en idade escolar, moitas delas monoparentais, en situación ou en risco de exclusión social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2017.