Medio cento de investigadores da USC figuran entre os máis citados de España das súas respectivas áreas
Medio centenar de investigadores/as da USC atópanse entre os máis relevantes que traballan en España atendendo ao seu índice h, segundo se desprende da análise realizada polo Grupo para a Difusión del Índice h (DIH) - accesible en web-. O índice h é o indicador que informa do impacto que dentro dunha área científica concreta tivo a produción total dun investigador. Os 53 referenciados da USC nesta listaxe acumulan máis de 10.000 publicacións ao longo das súas carreiras académicas. Como exemplo, o conxunto do persoal investigador da USC publicou en todo 2014 un total de 2.000 artigos en revistas e 1.723 en revistas JCR.
A clasificación realizada por DIH organízase arredor de 7 ámbitos temáticos, nos que a USC ten representación nun total de 6: Bioloxía, Ciencias da Saúde, Física, Matemáticas, Química e Tecnoloxías, Enxeñaría e Ciencias Aplicadas. En moitos destes casos, o persoal investigador compostelán lidera os seus respectivos ámbitos de produción investigadora. É o caso da área de Ciencias da Saúde, con 18 investigadores/as destacados.
Ciencias da Saúde
No ámbito específico da Endrocrinoloxía e o metabolismo, Carlos Diéguez (513 publicacións e un índice h73) e Felipe Casanueva (515 publicacións e h71) lideran unha clasificación que inclúe outros 18 investigadores de toda España. Semellante é a situación de Ángel Carracedo e Mª Victoria Lareu Huidobro, únicos integrantes da clasificación relativa a Medicina Legal, con 515 publicacións e índice 51 e 120 publicacións e índice 26, respectivamente.
Tamén en Ciencias da Saúde, María José Alonso é a investigadora máis destacada de España no campo da Farmacoloxía e Farmacia, (172 publicacións e h63). Neste eido tamén se atopan Carmen Álvarez Lorenzo (194 publicacións e h 36) no posto 15; Ángel Concheiro (213 documentos e h34) na 19ª posición; e Luis Miguel Botana López, (291 publicacións e h32) no posto 26. Pola súa banda, Julián Álvarez Escudero encabeza a clasificación no ámbito da Anestesioloxía, con 72 publicacións e un índice h 14.
Outras posicións destacadas son as de Jesús Salgado Velo, segundo investigador máis destacado de España no ámbito da Psicoloxía Aplicada, (43 publicacións e h21); Juan Jesús Gómez-Reino Carnota, terceiro no de Reumatoloxía (473 publicacións e h49); ou Florencio Martínez Ubeira, terceiro en Parasitoloxía (130 publicacións e h30), ámbito temático no que tamén destacan José Manuel Leiro Vidal no cuarto posto (146 publicacións e h29); Manuel Luís Sanmartín Durán no décimo lugar (106 publicacións e h23); e Mª Elvira Ares Mazas, décimo primeira (68 publicacións, h21).
Completarían a lista en Ciencias da Saúde Antonio Rodríguez Núñez, quinto polas súas 115 publicacións (h21) no ámbito pediátrico e José Castillo, quen no da Neuroloxía acumula 322 publicacións e un índice h de 45, o que o sitúa no oitavo lugar. Tamén na oitava posición, na área de Toxicoloxía, figura novamente Luis Miguel Botana López; mentres que José Manuel Leiro Vidal figura décimo en Ciencias Veterinarias. Finalmente, Elisardo Becoña acumula 100 publicacións e un índice 21 que o sitúan no posto 23 en Psicoloxía Aplicada.
Bioloxía
En Bioloxía, investigadores da USC figuran destacados nun total de cinco ámbitos concretos. O máis numeroso é o da Acuicultura, onde Alicia Estévez Toranzo é a mellor cualificada –no cuarto posto- (201 publicacións e h37), seguida no sétimo lugar por Juan Luis Barja Pérez (107 publicacións e h32); no undécimo por José Manuel Leiro Vidal; no décimo sétimo por Beatriz Magariños Ferro (91 publicacións e h25); e Mª Isabel Santos Rodríguez (63 publicacións e h21), no vixésimo terceiro.
O profesor Juan Lema Rodicio (288 publicacións e h40) ascende ao sexto posto en Biotecnoloxía e Microbioloxía Aplicada, mentres que Antonio Salas Ellacuriaga (167 publicacións e h38) posiciónase no décimo quinto en Xenética e Herdanza. No ámbito da Microboloxía atópanse entre os investigadores máis destacados Jorge Blanco Álvarez (165 publicacións e h42) no posto 21, Jesús Eulogio Blanco Álvarez (108 publicacións e h39) no 29 e Miguel Blanco Álvarez (113 publicacións e h39) no 30.
Finalmente, completarían este cadro de investigadores destacado en Bioloxía Ramon Méndez Pampin (137 publicacións e h33) e Gumersindo Feijóo Costa (178 publicacións e h29) nos postos 20 e 30, respectivamente, no ámbito temático relativo a Ciencias Medioambientais.
Química
Segundo o traballo de DIH, os investigadores cun índice máis alto agrupados neste campo destacan en Química Médica, Analítica, Inorgánica e Nuclear, Orgánica e en Física. Eugenio Uriarte (281 publicacións e h43) é o mellor posicionado, primeiro no Ámbito da Química Médica, no que tamén destacan Lourdes Santana (166 publicacións e h29) en sexta posición e Enrique Raviña Rubira (104 publicacións e h20) na décimo sexta.
O seguinte campo con maior presenza de investigadores da USC é Química Orgánica, onde Eugenio Uriarte ocupa o posto 21 seguido de Luis Castedo Expósito (455 publicacións e h40), no 24; Ricardo Jesús Riguera Vega (226 publicacións e h40), como vixésimo sétimo; e Emilio Quiñoá Cabana (110 publicacións e h37) na posición 37.
Rafael Cela Torrijos (292 publicacións e h45) é décimo primeiro e Isaac Rodríguez Pereiro (123 publicacións e h37) trixésimo terceiro en Química Analítica, mentres que en Química Física Manuel Arturo López Quintela (236 publicacións e h45) é vixésimo quinto nunha lista que compoñen 45 investigadores de toda España. Pechando a listaxe, en Química Inorgánica e Nuclear, Alfonso Castiñeiras Campos (437 publicacións e h42) atópase na posición 39 de entre outros 51 investigadores destacados.
Física
Tres son os ámbitos nos que mellores posicións acadan investigadores da USC da Área de Física. En Física Nuclear José Fernando Benlliure Anaya (191 publicacións e h37) é sexto e María Dolores Cortina Gil (161 publicacións e h36) sétima. José Rivas Rey (341 publicacións e h43) é décimo sexto en Física da Materia Condensada e Vicente Pérez Muñuzuri (110 publicacións e h21) vixésimo sétimo en Física Matemática.
Matemáticas
Juan José Nieto Roig (261 publicacións e h46) lidera a produción científica en Matemática Aplicada, ámbito no que tamén figura Alberto Cabada Fernández (128 publicacións e h23). Xa en Estatística e Probabilidade, Wenceslao González Manteiga (137 publicacións e h20) e Manuel Febrero Bande (40 publicacións e 14h) alcanzan a sétima e a décimo oitava posición.
Outros eidos
No eido da Agricultura, concretamente na área de Silvicultura, figura destacado Agustín Merino (45 publicacións e h17) na undécima posición, mentres que en Ciencias dos Materiais destacan tanto Manuel Arturo López Quintela, no décimo posto, como José Rivas Rey na décimo terceira posición. Nesta mesma área, pero no ámbito do papel e a madeira integran a listaxe os investigadores da USC Gonzálo Vázquez (94 publicacións e h25) no primeiro posto e Gervasio Antorrena Álvarez (64 publicacións e h19) no segundo, e en Ciencias dos polímeros destacaría Massimo Lazzari con 66 publicacións e un índice h de 23.
A listaxe complétase cos datos relativos a Informática e a Enxeñaría. Na primeira, Pablo García Tahoces (33 publicacións e h13) é o segundo dos cinco investigadores destacados en Aplicacións Interdisciplinares en Ciencias da Computación. Finalmente en Enxeñaría, na área de Termodinámica, Alberto Arce (167 publicacións e h33) e Ana Mª Soto Campos (121 publicacións e h31) son primeiro e segunda, respectivamente, figurando tamén na área de Enxeñaría Química nos postos 23 e 32 respectivamente.
Grupo DIH
A web que recolle os datos está promovida por “un grupo de investigadores científicos non adscritos a ningunha institución común”, como sinalan dende o propio Grupo DIH, xa que consideran que facilitar “calquera dato adicional iría contra o noso desexo de manter o noso anonimato”. Entenden que coñecer a súa identidade ou pertenza a unha empresa, institución ou calquera outros colectivo “sería o mellor camiño para sufrir presións corporativas ou de carácter persoal” e engaden que “estamos persuadidos de que saír do anonimato iría contra a nosa independencia e o rigor do noso traballo”.
Tamén apuntan que a procedencia dos datos, (Web of Knowledge), permite asegurar que “os valores de h que se obteñen son obxectivos” estando ao alcance de todas as persoas interesadas “ subsanar calquera erro que teñamos cometido”.