Máis dun cento de participantes na fase galega da Olimpíada Matemática Española
A Facultade de Matemáticas acolle este venres as probas da Fase Galega da LIII Olimpíada Matemática Española, na que participan 105 rapaces e rapazas, entre eles 19 de distintas promocións do programa EsTalMat de estímulo do talento matemático.
A decana da Facultade, María Victoria Otero Espinar, deulles a benvida e agradeceulle ao profesorado a súa vocación e entrega para difundiren entre o alumnado o gusto pola resolución de problemas. Tivo tamén palabras de eloxio para Daniel Cao, David Mosquera e Óscar Rivero, ex olímpicos galegos que este ano achegan os seus coñecementos e experiencia á organización das probas.
As probas comezaron cunha sesión de tres horas e media para resolver tres problemas nos que o enxeño e o razoamento son máis importantes que os coñecementos, como resaltou Felipe Gago, o coordinador para Galicia da Comisión de Olimpíadas da Real Sociedade Matemática Española.
Logo doutra sesión pola tarde, corrixiranse os exercicios para seleccionar os tres estudantes que representarán a Galicia na fase nacional que este ano terá lugar en Alcalá de Henares do 23 ao 26 de marzo.