Ir o contido principal

Un cento de participantes melloraron o seu benestar emocional co programa que a USC impulsa para persoas de 50 anos en diante

Ata o de agora, detectouse unha recuperación significativa do benestar emocional das persoas participantes. FOTO: Santi Alvite
Ata o de agora, detectouse unha recuperación significativa do benestar emocional das persoas participantes. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa do grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía convida a participar no estudo a xente que estea experimentado síntomas como tristeza persistente
Santiago de Compostela

Trátase dun programa breve e innovador, desenvolto cos coñecementos máis actuais en saúde mental e dispoñible en modalidade presencial, telefónica ou a través dunha app. Así se define a iniciativa impulsada polo grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía (GRISAMP) da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polo catedrático Fernando L. Vázquez, e dirixido a persoas de 50 ou máis anos con malestar emocional profundo e que xa leva tratado máis dun cento de pacientes con resultados prometedores. GRISAMP convida a participar no estudo a persoas que estean experimentado síntomas como tristeza persistente, perda de interese en actividades, problemas de sono, dificultades para concentrarse ou desesperanza. As dúbidas e solicitudes poden trasladarse a través do número 640 038 592 ou escribindo a proxecto.hope [at] usc.es (proxecto[dot]hope[at]usc[dot]es)

Desenvolto xunto á Universidade da Coruña e o Servizo Galego de Saúde, este é un programa psicolóxico gratuíto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que combina avaliación inicial, sesións estruturadas e seguimento, mediante estratexias de eficacia contrastada adaptadas ao ritmo e ás preferencias de cada participante. “Todo o proceso é gratuíto e confidencial, e conta con acompañamento profesional e supervisión do equipo investigador”, explican.

Ata o de agora, detectouse unha recuperación significativa do benestar emocional das persoas participantes, “cunha redución notable de síntomas como a tristeza persistente, a apatía, as dificultades de soño ou os pensamentos persistentes relacionados coa morte”, sinalan. Estes resultados obsérvanse tanto en modalidade presencial como a distancia, o que avala a utilidade do programa para quen ten limitacións de tempo ou desprazamento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2025.