Centos de docentes asisten este xoves na USC á segunda Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación
A segunda Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), organizada polas tres universidades públicas galegas, xunta este xoves 14 na USC preto de 200 profesoras e profesores de educación superior de toda Galicia interesados en poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir novos proxectos.
“Logo da celebración da primeira xornada o ano pasado na UDC, temos máis claro que a participación de docentes de todo o sistema universitario de Galicia presentando as súas iniciativas pode activar proxectos innovadores de grande interese que contribúan á mellora da experiencia docente”, sinalan dende a organización do evento.
Desta volta, a xornada estrutura os seus contidos en tres liñas temáticas diferentes como son a mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe, as estratexias institucionais de innovación docente e a diversidade, igualdade e responsabilidade social e ambiental.
Premios aos mellores pósteres
A comisión que avaliou os 137 pósteres presentados á modalidade virtual decidiu conceder os premios -un por cada liña temática- aos traballos ‘Aprendizaxe activa na proxección de organizacións socioeducativas con TIC para o desenvolvemento da competencia dixital’, de Fernando Iglesias Amorín; ‘Literatura na aula: pensamento crítico, imaxinación moral e compaixón nos estudantes de enfermaría’, de Nuria Esther Varela Feal, e ‘Apoderar vendas inclusivas: A colaboración transformadora entre estudiantes e persoas con diversidade funcional’, de Jakson Renner Rodrígues Soares e Rosa Maria Mariz Perez.
Programa
A II Xornada, que mantén como lema ‘Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro’, desenvólvese este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
A inauguración oficial terá lugar ás 9.30 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e a continuación o profesor Senén Barro pronunciará a conferencia de apertura ‘Intelixencia artificial na docencia’. Deseguido, desenvolverase o debate ‘Avaliación para a mellora continua na docencia’ guiado polo profesor da UDC José Antonio García Naya no que participarán o presidente da CGIACA da ACSUG, Santos Rego; o profesor da USC Fernando Fraga Varela, e a técnica da Área de Calidade da Universidade de Vigo Raquel Gandón Chapela. A xornada da mañá rematará coa presentación dos tres pósteres premiados.
Xa en quenda de tarde poderanse coñecer experiencias de innovación docente ligadas á introdución da perspectiva de xénero na docencia ou ao deseño de materiais audiovisuais para o ensino da Física. A xornada concluirá coa entrega de premios aos tres pósters máis votados.
Da organización da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente, forman parte o Centro de Formación de Persoal da USC, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) da UDC e mais a Área de Formación e Innovación Educativa da UVigo.