Ir o contido principal

O Centro de Documentación Europea da USC coordinará a análise do Libro Verde da Comisión sobre a Política de Información e Comunicación da UE

O Centro de Documentación Europea da USC (CDE), coordinador dos centros documentais españois, acaba de participar no Seminario de Coordinación de CDEs celebrado en Bruxelas onde se lle encargou a elaboración dun documento base que sirva de resposta ao Libro Verde da Comisión sobre a Política de Información e Comunicación da Unión Europea.
O documento abordará, entre outras cuestións, o papel dos Centros de Documentación na realización dun Espazo Europeo de Investigación e na futura política de información da Dirección Xeral de Prensa e Comunicación. O desenvolvemento desta iniciativa como centro coordinador dos CDE de España corresponderalle á técnica de información Elena Pérez Carrillo.
Conferencia Europea sobre Goberno CorporativoA próxima cita de traballo do CDE no marco da UE será no transcurso da Conferencia Europea sobre Goberno Corporativo na UE o vindeiro xoves 28 en Berlín. Nesta xuntanza, á que o CDE foi convidado en virtude do labor desenvolvido por este centro na investigación en materia de goberno corporativo europeo, analizaranse aspectos principias da relación entre as Universidades e o mundo empresarial europeo como motor de desenvolvemento.
A conferencia, presidida polo ministro alemán de xustiza, é un dos derradeiros actos organizados pola Presidencia Alemá da UE. Conta coa participación e patrocinio da Federación da Industria alemá e de diversos membros do Parlamento Europeo e da Comisión Europea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2007.