Ir o contido principal

O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal contará co seu propio Consello Social

O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal contará co seu propio Consello Social
O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal contará co seu propio Consello Social

O Padroado da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) aprobou a creación dun Consello Social do CEER que impulse a colaboración entre as universidades e a sociedade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Coa súa posta en marcha, preténdese promover a calidade dos sistemas de educación, investigación e innovación universitarios. Asemade procurarase establecer un foro de diálogo entre as universidades, empresas e a sociedade civil organizada da eurorrexión, para promover proxectos conxuntos e colaborar mutuamente. O Padroado prevé a participación neste Consello de entidades públicas e privadas, dende entidades locais a través do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular ata confederacións e asociacións empresariais, sociais e culturais, así como de persoalidades da eurorrexión. A decisión tomouse no transcurso dunha xuntanza do Padroado celebrada na USC na que participaron os tres reitores galegos, José Mª Barja, Juan Casares e Salustiano Mato; o presidente do padroado, o reitor da Universidade de Minho, António Augusto Magalhães da Cunha; o reitor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira; e o vicerreitor da Universidade de Porto, Manuel Janeira; ademais do director da Fundación CEER, Carlos Ferrás. Outros asuntos tratados na xuntanza foron a aprobación doutras liñas de actuación para a Fundación CEER tales como o desenvolvemento dun programa de mobilidade eurorrexional dirixido tanto a docentes como estudantes e de programas conxuntos de voluntariado europeo. Tras o éxito do Campus Rede, posto en marcha polo CEER, cuxa páxina web é unha das de maior tráfico en liña rexistrado para a Eurorrexión, estas actuacións suporán un paso decisivo para o emprendemento de actuacións conxuntas entre Galicia e a rexión Norte de Portugal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2011.