O Centro de Linguas Modernas amplía ata o 3 de outubro o prazo de matrícula para os cursos semestrais
O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC amplía ata o vindeiro xoves 3 de outubro o prazo de matrícula nos cursos de idiomas que imparte ao longo do primeiro semestre do curso 2019-20, agás os que teñen un calendario propio, como español como lingua estranxeira (ELE), galego para non galegofalantes en Lugo, checo, chinés e xaponés.
A oferta formativa do CLM aprobada pola Vicerreitoría de Organización Académica da USC para este período é ampla e, alén dos cursos de español e galego, inclúe cursos de alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán e checo no campus de Santiago. No campus de Lugo, o CLM da USC ofrece cursos de alemán, francés e inglés xunto con galego para non galegofalantes e ELE. A matrícula está aberta para todas as persoas que queiran continuar o estudo da lingua elixida ou comezar a aprendizaxe dunha nova, segundo a normativa recollida na convocatoria e publicada na web do CLM da USC.
Unha das novidades desta programación de cursos do CLM da USC atinxe á posibilidade de que tamén os estudantes da USC que non teñan acreditado o nivel B1 en ningún idioma estranxeiro poidan solicitar o recoñecemento de créditos ECTS por cada 25 horas de curso. Ademais, segundo a normativa actual vixente, canto maior sexa o grao de coñecemento da lingua e cantos máis cursos de linguas distintas realicen, máis créditos académicos poderán acadar ata un máximo de seis, segundo indicou a directora do CLM da USC, Katerina Vlasakova, quen destacou tamén a “relación óptima entre o prezo e a calidade das clases, horarios cómodos, cercanía das aulas, así como a atención individualizada por parte do profesorado altamente cualificado”.