Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas organiza nos meses de xullo e setembro cursos gratuítos de inglés para profesorado, PAS e alumnado de Terceiro Ciclo do Campus de Compostela

As clases estarán impartidas por titulados que actualmente están a desenvolver o curso CELTA, programa de formación de profesores de inglés

O Centro de Linguas Modernas da USC organizará nos vindeiros meses de xullo e setembro un curso de lingua inglesa dirixido ao profesorado, ao PAS e ao alumnado de Terceiro Ciclo do Campus de Compostela. As clases estarán impartidas por titulados que actualmente están a desenvolver o curso CELTA, programa de formación de profesores de inglés.
De matrícula gratuíta, as clases desenvolveranse na Facultade de Ciencias da Comunicación do 3 ao 21 de xullo e do día 3 ao 28 de setembro cunha carga lectiva de 40 horas, en horario de 16:30 a 18:45 horas de luns a venres. As persoas inscritas practicarán todas as destrezas asociadas ao inglés, a gramática e o vocabulario, facendo especial fincapé no aspecto comunicativo da lingua.
Para a realización do curso, é necesario facer unha proba de nivelación que se desenvolverá na Sala de Graos da Facultade de Filoloxía o venres, día 15 de xuño, ás 16:30 horas. Trala realización desta proba farase unha selección dos examinados para formar grupos homoxéneos en canto ao seu nivel de dominio do inglés.
Aos alumnos que teñan unha asistencia superior ao 60 por cento, expediráselle unha certificación coa constancia do aproveitamento, carga lectiva e nivel acadado. Para acadar máis información sobre esta convocatoria, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Recursos de Idiomas na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2007.