Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas prepara para os exames oficiais de chinés

O vicerreitor de Relacións Exteriores, Víctor Millet, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova. Foto: SERVIMAV
O vicerreitor de Relacións Exteriores, Víctor Millet, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova. Foto: SERVIMAV
A USC amplía o prazo de matrícula nos seus cursos de idiomas ata o 8 de outubro

O Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago incorpora este ano á súa oferta un curso de preparación para o exame HSK que certifica oficialmente o nivel de lingua chinesa oral e escrita. Na USC tamén se prepara para os exames DELE de español do Instituto Cervantes e IRL de catalán do Instituto Ramón llul. Xunto a estas tres linguas súmase a acreditación oficial do nivel idiomático en italiano (CILS), alemán (Goethe Institut) e xaponés (Noken), aos que pronto se unirán o TOEFL e Cambridge para inglés. Por outra banda, o CLM organiza exames propios para a mobilidade de acreditación do nivel ministerial BI en sete linguas. Ademais, este centro amplía ata o 8 de outubro o prazo de matrícula para os cursos de idiomas nos dous campus. En Santiago están previstos cursos cuadrimestrais de 40 horas de catalán, checo, chinés, danés (que se reincorpora este curso), portugués, ruso (con máis niveis este ano), xaponés e lingua de signos, e en Lugo inglés e, por vez primeira, de signos e portugués. Os cursos anuais de 80 horas de alemán, francés e inglés serán impartidos en ambos os dous campus, ofertándose tamén italiano en Compostela. O alumnado de danés e checo ten a oportunidade de optar a bolsas de estudos para estudar o idioma. Matrícula estable A matrícula nos cursos do Centro de Linguas Modernas mantense estable nestes últimos anos, rondando os 2.700 matriculados e experimentando un lixeiro incremento nos que realizaron algún curso este verán (293 en 2012-2013). Ademais, nos tres últimos anos académicos foron máis de 10.000 os estudantes que realizaron os exames do nivel B1 para a acreditación e para os programas de mobilidade. En canto ao número de exames externos, a cifra triplicouse nese período, pasando de 76 en 2010-2011 a 319 no 2012-2013. Requisitos O único requisito para tomar parte nestes programas é ter 16 anos de idade. A matrícula pode realizarse directamente en liña en todos os cursos de iniciación ou nos demais se xa se estudou no CLM o ano pasado ou se realizou a proba de nivel. Os cursos desenvólvense nas instalacións da universidade en horario de mañá ou tarde, dende as 9:00 ata as 21:00 horas, en dúas sesións de 90 minutos. A USC emite a certificación oficial, que ten validez por créditos de libre configuración ou optativos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2013.