Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas da USC mantén aberta a matrícula nos seus cursos de idiomas ata o 15 de outubro

Realizaranse probas de nivel os días 6 e 13 en Santiago e o 7 e 13 en Lugo

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberto ata o próximo día 15 de outubro o prazo de matrícula para os seus cursos de idiomas nos campus de Santiago e Lugo. As solicitudes deberán realizarse por Internet ou excepcionalmente de maneira presencial no Negociado do CLM emprazado na Facultade de Filoloxía de Santiago ou no Edificio Intercentros do Campus de Lugo en horario de mañá.
Alemán, catalán, checo, chinés, danés, francés, inglés, italiano, ruso, xaponés, portugués e galego para non galego falantes son os idiomas que se poden cursar de maneira presencial no Campus de Santiago. Á vez, ofrécese a posibilidade de estudar alemán (niveis 4 e 5), checo, francés (niveis 3, 4, e 5), inglés (do 5 en adiante), italiano (niveis 2 e 3), portugués (niveis 2 e 3) e ruso (niveis 2, 4 e 5) a través dos módulos de autoaprendizaxe titorizada no Centro de Recursos de Idiomas. Xa en Lugo, ofértase alemán, francés e inglés, tanto en cursos regulares coma en módulos de autoaprendizaxe, así como galego para non galego falantes.
Os cursos do CLM, validables por créditos de libre configuración, teñen unha duración de 80 horas a desenvolverse de outubro a xuño en quendas de luns e mércores e martes e xoves cunha ampla oferta de horarios e localizacións, dependendo da lingua. Polo que respecta aos cursos de galego para non galego falantes, os programas docentes son cuadrimestrais cunha carga lectiva de 40 horas e organízanse en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os que posúan coñecementos previos da lingua, os que o ano anterior non superasen un curso así como os que deixasen pasar máis de dous anos dende que estudaron un idioma no CLM terán que realizar previamente unha proba de nivel que será o 6 e 13 de outubro na facultade de Filoloxía de Santiago e os días 7 e 13 na Facultade de Ciencias de Lugo. As clases darán comezo o mércores, 15 de outubro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2008.