Os centros de ensino medio xa poden solicitar praza para participar nos ‘Encontros na Zona USC’
Estudantes de centros de ensino medio de toda Galicia terán entre finais de xaneiro e comezos de febreiro unha nova oportunidade de coñecer a oferta de graos da Universidade de Santiago a través dos ‘Encontros na Zona USC’. Esta iniciativa permite ao futuro estudantado universitario coñecer de primeira man os centros e servizos nos que cursar estudos o vindeiro curso académico.
Cada estudante poderá elixir un percorrido de entre os quince ofertados, a través dos cales, visitarán aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten as titulacións da súa preferencia. A edición anterior dos Encontros acolleu uns 5.200 estudantes pertencentes a 100 centros de ensino medio. O prazo de solicitude está aberto ata o 24 de xaneiro a través dun formulario en liña. Pola súa parte, o Campus de Lugo acollerá o estudantado os días 2 e 3 de abril. Neste caso, o prazo de inscrición abrirase durante o mes de febreiro.
Nos formularios de inscrición, cada centro de Ensino Medio debe indicar os seus datos e mais os dunha persoa acompañante así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido. Na actualidade, quedan prazas libres para os Encontros dos días 30 e 31 de xaneiro, así como do 2 de febreiro, xa que dende que se abriu o período de solicitudes xa hai arredor de 3.000 estudantes inscritos procedentes de medio cento de centros.