Ir o contido principal

Os centros da Rede CIGUS da USC ven recoñecida a súa excelencia investigadora

Foto de grupo das persoas responsables dos centros de excelencia coas autoridades. Foto: Xunta de Galicia
Foto de grupo das persoas responsables dos centros de excelencia coas autoridades. Foto: Xunta de Galicia
Nun acto celebrado este martes na Cidade da Cultura, no que a Xunta lle concedeu tamén un galardón ao ECOBAS que dirixe María Loureiro

Os cinco centros da Universidade de Santiago que forman parte da Rede CIGUS participaron este martes na Cidade da Cultura no acto de recoñecemento que a Xunta de Galicia lles rendeu por ser clave na investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso de Galicia. Na cerimonia, que presidiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou o reitor Antonio López, que estivo acompañado polos directoras e directores dos centros da USC así como por outras autoridades civís e académicas, entre eles os reitores das outras dúas universidades galegas.

Deste xeito, recolleron o recoñecemento os directores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), José Luis Mascareñas; do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado; do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), María Isabel Loza; do Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), Senén Barro; e do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), María Teresa Moreira.

A rede CIGUS, que conta hoxe con 1.600 investigadores e captou nos últimos catro anos máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos, é un modelo único en España cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027. Ademais dos cinco centros de excelencia da USC, conforman esta rede, pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías  de Telecomunicación(AtlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).

Centros colaborativos
No mesmo acto, fíxose tamén entrega de placas de recoñecemento polo seu labor investigador aos centros colaborativos CITEEC, CINTECX e ECOBAS, este último dirixido pola profesora da USC María Loureiro, que recolleu o galardón.

O reitor compostelán, Antonio López, interveu no acto de recoñecemento
O reitor compostelán, Antonio López, interveu no acto de recoñecemento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2025.