Ir o contido principal

Os Centros Singulares de Investigación da USC abren as súas portas á cidadanía

Os Centros Singulares de Investigación da USC abren as súas portas á cidadanía
Os Centros Singulares de Investigación da USC abren as súas portas á cidadanía

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC (RCSI-USC) celebra este sábado 2 de decembro unha xornada de divulgación destinada ao público xeral para mostrar o labor de excelencia científica que realizan .

Nesa xornada de portas abertas os Centros Singulares de Investigación CiQUS (Química Biolóxica e Materiais Moleculares), CiMUS (Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e CiTIUS (Tecnoloxías da Información) darán testemuña do valor engadido que están a achegar á mellora da calidade de vida de toda a sociedade.

Entre as actividades programadas figuran demostracións con drons, robots, e lentes 3D; obradoiros de experimentos en química e biomedicina; circuítos de xeración de enerxía, teatros científicos ou charlas divulgativas ofrecidas por investigadores de recoñecido prestixio como Angel Carracedo, María José Alonso ou Senén Barro.

A participación nesta xornada require inscrición previa (gratuíta) a través do formulario web disposto pola organización. O programa está deseñado para facilitar a visita aos tres centros –en quenda de mañá ou de tarde– a través do itinerario completo. As persoas que non dispoñan do tempo necesario para facer o percorrido recomendado poden participar tamén mediante inscrición na franxa horaria desexada, ata completar aforo, co itinerario personalizado. Os menores de idade só poderán permanecer no interior dos centros baixo a responsabilidade dun adulto (máximo 2 nenos/adulto). Os adultos deberán acompañar aos menores de 6 anos en todo momento.

Centros de referencia científica
Os tres centros da RCSI contan con financiamiento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciadas polo FEDER (programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

O CiQUS da USC explora cada día novas aplicacións en campos como a saúde (química biolóxica e médica) ou a industria (materiais funcionais, catálise). En só sete anos o centro conseguiu consolidarse como un referente de investigación multidisciplinar, na fronteira entre a biomedicina e a ciencia de materiais

Pola súa banda, o CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como cancro, endocrinoloxía e nutrición, trastorno cardiovascular, neurociencias, xenética e xenómica funcional, terapias experimentais ou bioestatistica. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, un Instituto de Investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.

Desde a súa fundación, O CiTIUS traballa cunha clara vocación internacional para sumarse ós desafíos científicos que fan posible o desenvolvemento tecnolóxico, anticipándose así á tecnoloxía que vén.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2017.