Ir o contido principal

Varios centros da USC únense á celebración da terceira edición do Día da Ciencia en Galego

As actividades, centradas nas figuras de Leonardo da Vinci e o inventor galego Ramón Verea, desenvólvense nos campus de Santiago e Lugo

Por segundo ano consecutivo, varios centros da USC únense á celebración do Día da Ciencia en Galego, que na súa terceira edición se centra na tecnoloxía como eixe temático e especialmente nas figuras de Leonardo da Vinci e o inventor galego Ramón Verea, creador dunha das primeiras máquinas de calcular. O programa esténdese por oito centros dos campus de Santiago e Lugo, baixo a coordinación do Servizo de Normalización Lingüística da USC. No Campus Vida, a Facultade de Física organiza o martes 6 ás 12.30 horas a videoconferencia Facendo física de partículas polo mundo, na que participan como relatores Patricia Conde, investigadora no LIP de Lisboa e física do experimento ATLAS do CERN; Olalla Castro, profesora no City University en Londres e investigadora en teoría cuántica de campos; Abraham Gallas, investigador no CERN e na USC e físico no experimento LHCb do CERN; Carlos Salgado, e investigador no CERN e na USC no ámbito do estado da materia nos primeiros instantes do Universo; e Cibrán Santamarina, profesor da USC e investigador no experimento LHC do CERN. Está videoconferencia tamén se poderá seguir desde a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. Pola súa parte, a Escola Técnica Superior de Enxeñería acolle a conferencia 'Da química ás telecomunicacións: novo paradigma do transporte', por parte do profesor da Universidade da Coruña Xavier Alcalá. A cita é o xoves 8 ás 12.00 horas. Tamén no Campus Vida, a Facultade de Matemáticas convoca unha xornada de novos investigadores, leva a cabo a entrega dos premios á calidade dos traballos académicos, presenta novas unidades didácticas do ámbito matemático, lanza a segunda edición do concurso 'Explícoche Matemáticas 2.0' e organiza a rolda de debate Lexi_ga_math, centrada no debate sobre a terminoloxía matemática en lingua galega. Campus de Lugo A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo acolle o mércores 7 a partir das 11.00 horas o acto 'De Leonardo a nós' co que, segundo os seus organizadores, "pretende destacar, por medio de presentacións breves, o labor técnico e científico de Leonardo da Vinci e o seu influxo na ciencia moderna e contemporánea". A actividade componse dunha serie de presentacións centradas no labor científico do xenio italiano: 'L eonardo: a representación gráfica das súas ideas' (Francisco Javier López, EPS), ' A anatomía de Leonardo e a actual: similares pero diferentes' (Matilde Lombardero, Veterinaria), ' Da Vinci: sobre luares cincentos e planetas afortunados' (Manuel Andrade, EPS); ' De como os autómatas de Leonardo da Vinci evolucionaron ata converterse en valiosos compañeiros robóticos' (Roberto Iglesias, Ciencias); 'Leonardo enxeñeiro: os seus deseños hidráulicos' (Montserrat Valcárcel, EPS). Neste acto entregaranse tamén os Premios á calidade lingüística dos traballos académicos e de investigación convocados polas Facultades de Ciencias e Formación do Profesorado e pola Escola Politécnica Superior. Ademais, no edificio da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo estará exposta a mostra biobibliográfica Os nosos Leonardos, sobre as figuras dos inventores galegos Ramón Verea, Ángela Ruiz Robles e Alexandre de Fisterra; e na Facultade de Ciencias poderase visitar unha mostra conmemorativa do bicentenario do nacemento de Antonio Casares elaborado pola profesora deste centro Isabel Fernández. Ambas as exposicións poderán visitarse durante toda esta semana. As actividades no Campus de Lugo, organizadas conxuntamente polas Escola Politécnica Superior e as Facultades de Veterinaria e Ciencias, complétanse con visitas guiadas a laboratorios de investigación de varios centros do campus o día 7 de novembro ás 13.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2012.