Ir o contido principal

O CERN encárgalle ao investigador da USC Néstor Armesto a organización dun encontro internacional

O investigador da Universidade de Santiago Nestor Armesto, contratado Ramon y Cajal no Departamento de Física de Partículas e no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), é o encargado de organizar o workshop ‘Heavy Ion Collisions at the LHC - Last Call for Predictions’ que se celebra no marco do Instituto Teórico do Centro Europeo para a Física de Partículas (CERN), con sede na cidade suíza de Xenebra.
No workshop internacional, que reúne ata o 8 de xuño a máis de cen investigadores de todo o mundo, trátase de recompilar as predicións dos modelos teóricos existentes para as colisións entre ións pesados que se van estudar no Large Hadron Collider (LHC), o acelerador de partículas máis grande no mundo que entrará en funcionamento no ano 2008. O estudo destas colisións permitirá mellorar a compresión da interacción forte entre os constituíntes elementais da materia, quarks e gluóns, así como sobre a orixe do Universo tras o Big-Bang.
Durante o encontro presentaranse arredor de cen relatorios, nos que participarán outros investigadores da Universidade de Santiago e do IGFAE como Carlos Pajares, Elena Gonzalez ou Carlos Salgado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2007.