O certame da EDIUS ‘Three Minute Thesis’ afiánzase coa participación dunha vintena de estudantes de doutorado

Un total de 19 estudantes de doutoramento participaron na segunda edición do certame ‘Three Minute Thesis (3MT®)’na USC. Este é un concurso de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento, iniciado pola Universidade de Queensland en 2008, e que cultiva as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación dos e das estudantes. En concreto, na edición 2023, un total de 11 doutorandos/as lograron chegar á fase final, proclamándose vencedores cinco de deles/as.
A mecánica do concurso consiste en expoñer o contido dos respectivos traballos ante o xurado e o público asistente, respectando o tempo (3 minutos) e o guión do traballo presentado previamente en formato vídeo. Aínda que a idea inicial era entregar un premio por cada área (Artes e Humanidades, Ciencias e Enxeñarías, Ciencias da Saúde, e Ciencias Sociais), o xurado finalmente concedeu un premio ex aequo na sección de Ciencias da Saúde.
“Esta competición reta o estudantado de doutoramento a consolidar as súas hipóteses, obxectivos e ideas así como a validez e importancia dos resultados da súa investigación e a presentalos de xeito claro e conciso, empregando unicamente os recursos propios da oratoria e da retórica, esenciais para as súas futuras carreiras profesionais”, explican dende a Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), promotora do certame que se desenvolveu a semana pasada na Nave de Vidán. “Unha boa construción do discurso e a súa presentación oral son a parte esencial da competición, onde a posta en escena ten que estar reducida ao mínimo”, engaden.
Estudantado premiado
Rocío del Pilar Sosa Fernández, pertencente ao programa de doutoramento Comunicación e Información Contemporánea impúxose na área de Ciencias Sociais e Xurídicas ao expoñer en tan só tres minutos o traballo que está a desenvolver no marco da súa tese de doutoramento titulada ‘Potencial educativo das tecnoloxías inmersivas na educación universitaria’.
No eido de Artes e Humanidades, o vencedor foi Xosé Ramón Cisneros Pérez, quen está a desenvolver a tese ‘O museo 3.0 en España: redes sociais e medios dixitais na difusión do patrimonio museístico’, no programa en Historia, Xeografía e Historia da Arte.
Silvia Aranda García e Uxía Yañez Ramil foron as gañadoras en Ciencias da Saúde. A primeira desenvolve a tese ‘Teleasistencia e teleformación audiovisual nas emerxencias mediante lentes intelixentes’, no programa Investigación Clínica en Medicina; mentres que a segunda está a investigar a ‘Ecografía en modo Doppler: unha ferramenta para a mellora da eficiencia reprodutiva no gando vacún’, no seo do programa de doutoramento titulado Medicina e Sanidade Veterinaria.
Finalmente, en Ciencias e Enxeñarías, Ángela Arnosa Prieto gañou o certame logo de expoñer en tres minutos a temática da súa tese titulada ‘Deseño e caracterización de materiais nanoestruturados e nanocomposites para aplicacións biomédicas, catalíticas e electro-ópticas’, pertencente ao programa da USC en Ciencia de Materiais.
O xurado estivo composto por Dolores Vilavedra Fernández, Eugenio Vázquez Sentís, José Manuel Cifuentes Martínez, José Miguel Túñez López, Marta Rodríguez Castro e Roi Méndez Fernández. A EDIUS premiou o estudantado vencedor cun cheque por valor de 250 euros e uns auriculares sen fíos.
