Ir o contido principal

Certifican a excelente saúde da Filoloxía Inglesa en Galicia

Os docentes da USC (en primeira fila) Teresa Fanego, Ignacio Palacios e Paloma Núñez Pertejo, nunha actividade organizada en colaboración coas outras universidades galegas
Os docentes da USC (en primeira fila) Teresa Fanego, Ignacio Palacios e Paloma Núñez Pertejo, nunha actividade organizada en colaboración coas outras universidades galegas
Grupos de investigación das tres universidades galegas acadan máis de 600.000 euros nas axudas competitivas da Xunta

As axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario Galego resoltas recentemente deixan constancia do nivel de excelencia alcanzado pola Filoloxía Inglesa en Galicia. Así, a Xunta concedeu cinco importantes axudas a grupos de investigación das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo que suman máis de 600.000 euros acadados.

Da USC recoñeceuse cunha axuda competitiva de 90.000 euros o labor do grupo ‘Variation, Linguistic Change and Grammaticalization’ (VLCG) que dirixe a catedrática Teresa Fanego. A ela súmase outra máis de 120.000 euros outorgada á rede de investigación ‘English Linguistics Circle’ (ELC) tamén coordinada pola profesora Fanego e que aglutina dende 2006 cinco grupos cunha ampla traxectoria internacional no ámbito da lingüística teórica e aplicada e a psicolingüística. Ademais de VLCG forman parte desta rede os grupos ‘Language Variation and Textual Categorisation’ (LVTC) e ‘Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras’, ambos da UVigo; e os da USC ‘SPERTUS – Spoken English Research Team’ e ‘Procesos Cognitivos e Conduta’ que coordinan respectivamente Ignacio Palacios e Isabel Fraga Carou.

Asemade, os grupos ‘Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación’ (BiFeGa) e LVTC da UVigo, coordinados respectivamente por Belén Martín Lucas e Javier Pérez Guerra, obtiveron axudas por un valor de 290.000 euros. Da UDC, a rede Lingua e Literatura Inglesa e Identidade III que dirixe a profesora María Jesús Lorenzo Modia conseguiu 120.000 euros.

Todos estes grupos de investigación aglutinan a práctica totalidade do persoal investigador de Filoloxía Inglesa de Galicia e participan no Máster Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións (iMAES) que coordina desde a USC a profesora Teresa Fanego, e no Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados (Idaes), coordinado por Margarita Estévez Saá. Ambos títulos renovaron o pasado curso a acreditación, con moi boas valoracións por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Para a profesora Fanego, estes logros poñen de manifesto que “as tres universidades galegas contan cun cadro de docentes e investigadores de Filoloxía Inglesa que ofrecen unha formación que permite ao seu alumnado egresado contribuír de modo moi significativo aos sectores da información e coñecemento, así como ao sector produtivo e de servizos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2017.