O CESEG lanza unha campaña de información e escoita arredor da manipulación informativa
O Centro de Estudos de Seguridade da USC (CESEG) acaba de lanzar unha campaña de información e escoita, coordinada polo profesor da USC José Julio Fernández Rodríguez, e dirixida á comunidade universitaria e á cidadanía no seu conxunto, acerca da manipulación informativa “como problema de seguridade e de calidade democrática”. A través dun formulario en liña o Centro fai un chamamento ao estudantado para que achegue tamén as súas opinións arredor deste fenómeno, contando a súa experiencia ou propoñendo solucións. Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña ‘Non todo é verdade. Fronte á manipulación informativa, capacidade crítica’ coa que o CESEG xa logrou chegar a máis dunha ducia de países e que forma parte dun proxecto de investigación sobre a manipulación informativa que conta cun equipo interdisciplinario de vinte universidades de tres continentes.
O proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, céntrase en coñecer como funcionan os procesos, accións e estratexias de manipulación da información. Ademais, o consorcio ten como obxectivos especificar as consecuencias da manipulación da información para a seguridade e calidade democrática; dar respostas concretas á manipulación da información no ámbito xurídico, das políticas públicas e da educación, no marco do Estado de Dereito; reconstruír dogmaticamente a liberdade de expresión e información no contexto do mundo dixital e dos dereitos dixitais; así como delimitar as dimensións deste problema en defensa.
Colleitar boas prácticas
Xa de xeito máis específico, o proxecto está a poñer o foco en recoller as boas prácticas existentes na loita contra a manipulación da información e a desinformación, en prevención, detección, alerta temperá, análise, respostas e avaliación. Tamén está examinando se é efectivo o ‘Procedemento de actuación contra a desinformación’ aprobado en España pola Orde PCM/1030/2020, do 30 de outubro, e se existe o risco de que supere as marxes aceptables nun sistema democrático. Delimitar a categoría de información veraz no mundo dixital e os límites da liberdade de expresión e información, así como estudar o dereito a mentir e o dereito a discrepar conforman tamén obxectivos no seo deste proxecto que tamén acometerá a análise do proceso de selección e exclusión de noticias nos medios.
“O proxecto deseñou unha proposta formativa dirixida á sensibilización e desenvolvemento da competencia dixital que inclúa a alfabetización informacional dirixida ao alumnado universitario”, relatan dende a coordinación do consorcio. Ademais, o CESEG centrarase tamén en determinar o papel que deben desempeñar os servizos de intelixencia ante a manipulación da información; propoñer os elementos básicos dunha hipotética Estratexia de Seguridade Nacional contra a Manipulación da Información e a Desinformación; delimitar a nova categoría de “combate cognitivo”, das esixencias de seguridade e defensa nacional; e estudar a manipulación da información en determinados contextos como o xénero, a comunidade LGBTIQ+ ou a pandemia da COVID-19.
“Un proxecto con obxecto de estudo como o que se propón require combinar distintas metodoloxías, fundamentalmente de dereito constitucional e público, con outras máis xenéricas das ciencias sociais (política, pedagóxica, xornalística, criminolóxica, de seguridade e de defensa)”, explican dende o equipo investigador. A análise xurídica “esixe actuar a nivel normativo, doutrinal e xurisprudencial, dende a comprensión do Dereito como norma, como feito social e como valor”, conclúen.