Ir o contido principal

O CETUR centra na natureza o seu VII curso de formación para persoal de oficinas de turismo e guías

Na presentación en Ourense participaron, de esquerda a dereita, Valerià Paül, Rosendo Fernández e Juan Anta (Foto: Deputación de Ourense)
Na presentación en Ourense participaron, de esquerda a dereita, Valerià Paül, Rosendo Fernández e Juan Anta (Foto: Deputación de Ourense)
Desenvolverase entre o 11 e o 15 de xullo no concello ourensán da Veiga

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC (CETUR) organiza na Veiga (Ourense) o VII Curso de Formación para Informadores/as de Oficinas de Turismo e Guías que se desenvolverá do 11 ao 15 de xullo focalizado nesta edición no turismo na natureza. As empresas de turismo activo en Galicia, o turismo deportivo en montaña ou en espazos naturais protexidos, as paisaxes, o potencial climático turístico galego, o ecoagroturismo, o deseño de rutas de sendeirismo, os folletos ou as novas tecnoloxías no sector serán algúns dos temas a tratar.

No curso preténdese profundar nas posibilidades múltiples, tanto prácticas como empresariais, que ofrecen o sendeirismo, o montañismo e o guiado como actividades específicas de turismo na natureza en Galicia. Mostraranse deste xeito as peculiaridades dese subsector turístico e daranse a coñecer os recursos culturais existentes no territorio ademais de transmitirlle ao alumnado unha serie de habilidades interpretativas e prácticas, nomeadamente en relación co manexo de novas tecnoloxías da información e de cartografía.

O formato do curso, que por vez primeira transcorrerá fóra de Santiago e en verán, será nesta ocasión en sesións intensivas de mañá e tarde, o que permitirá concentrar as aulas nunha única semana e así desenvolver 15 horas de prácticas nas Montañas de Trevinca, o sector máis elevado de Galicia e, polo tanto, a única área de alta montaña do país, a través do seguimento e análise de rutas de sendeirismo sobre o terreo. As persoas inscritas recibirán o correspondente certificado, homologado pola Xunta de Galicia, para o que é obrigatorio asistir como mínimo ao 85% das horas programadas.

O curso presentouse recentemente no Pazo Provincial de Ourense nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello da Veiga, Juan Anta; e o codirector do curso e profesor de Xeografía e Ordenación do Territorio da USC, Valerià Paül.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2016.