Ir o contido principal

O CETUR estuda nunha conferencia internacional a relación entre destinos turísticos e patrimonio

O reitor, no centro da imaxe, presidiu a inauguración no Paraninfo da Universidade. Foto: Alfonso (Servimav-USC)
O reitor, no centro da imaxe, presidiu a inauguración no Paraninfo da Universidade. Foto: Alfonso (Servimav-USC)

O Centro de Estudos Turísticos da USC (CETUR) organiza este xoves e o venres en colaboración co Instituto Politécnico de Leiria e a Universidade de Salento a ‘1st EJTHR International Conference Destination Branding, Heritage and Autenticity’. O punto de encontro é o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia e está promovido polo European Journal of Tourism, Hospitality and Recreation, onde o reitor Juan Casares presidiu a inauguración da conferencia. Participaron ademais a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o concelleiro de Medio Rural, Alumeado Público, Abastecemento e Saneamento, Luís García Bello; o editor-xefe do European Journal of Tourism, Hospitality and Recreation, Francisco Dias; e o director do CETUR, Xosé Manuel Santos Solla. De inmediato deron comezo as sesións académicas cun primeiro bloque temático dedicado á avaliación da relación entre antropoloxía e turismo e no que tomaron a palabra John Eade, da Universidade de Roehampton, quen falou sobre globalización e lugares sagrados; Mike Robinson, da Universidade de Birmingham, referíndose ao patrimonio; e Agustín Santana Talavera, de La Laguna, que achegou unha visión antropolóxica do turismo. Especialistas internacionais Durante estes dous días intervirán destacados especialistas no ámbito da investigación turística, situando a Santiago nun lugar relevante do debate turístico. Xunto aos xa comentados, tamén estarán presentes Noga Collins, da Universidade de Haifa, que relacionará os espazos sagrados e patrimoniais; e Knut Lindkvist cunha reflexión sobre os fisterras europeas. Ademais, está prevista a intervención doutras especialistas como Anna Trono da Universidade de Salento, Maria Santos do Instituto Politécnico de Leiria ou Fiorella Daralli da Universidade de Boloña, entre outros. O programa inclúe tamén o debate de máis de 100 traballos multidisciplinares presentados por especialistas procedentes de 30 países, como Australia, India, Turquía, Nixeria, Brasil, Italia, Portugal, Israel ou Irán. Máis información na web do encontro http://www.project.ejthr.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2012.