Ir o contido principal

Charla no ILG sobre os xermanismos do catalán no contexto do latín medieval

Charla no ILG sobre os xermanismos do catalán no contexto do latín medieval
Charla no ILG sobre os xermanismos do catalán no contexto do latín medieval

O investigador do CSIC Joan Maria Jaime Moya impartiu este venres no Instituto da Lingua Galega da USC a conferencia ‘Os xermanismos do catalán no contexto do latín medieval’ na que presentou unha mostra do seu traballo de investigación posdoutoral coma lexicógrafo no Glossarium Mediae Latinitatis Cataloniae (GMLC), un dicionario especializado de palabras latinas e románicas documentadas en fontes catalás dos séculos IX ao XII.

Ademais, expuxo parte da súa tese doutoral, baseada no estudo dos xermanismos do catalán preliterario no contexto do latín medieval do territorio actual de Cataluña, achegando exemplos de palabras de orixe gótica ou fráncica. A este respecto, subliñou que unha das vantaxes principais do estudo do latín medieval de Cataluña é que permite adiantar a primeira datación de moitos termos cataláns respecto á que xa daba Corominas no seu dicionario etimolóxico.

Finalmente, o investigador constatou que a maior parte de xermanismos son de orixe fráncica e comparounos cos exemplos do CODOLGA e do Lexicon Latinitatis Medii Aevi Regni Legionis (s. VIII-1230) imperfectum. Léxico latinorromance del reino de León (s. VIII-1230), onde se atopan sobre todo xermanismos de orixe gótica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2017.