Ir o contido principal

Charla pública ‘A cen anos da eclipse na que Einstein ensombreceu a Newton’

Charla pública ‘A cen anos da eclipse na que Einstein ensombreceu a Newton’
Charla pública ‘A cen anos da eclipse na que Einstein ensombreceu a Newton’

Con motivo do centenario da eclipse total de Sol no que se comprobou por primeira vez unha das predicións da Teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein, o profesor da Universidade de Santiago e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) José Edelstein ofrecerá unha conferencia pública este mércores 29, ás 19:30 horas no Centro ABANCA Obra Social.

O 29 de maio de 1919 estaba previsto unha eclipse total de Sol que sería visible desde Brasil e África, segundo predicían as ecuacións de Isaac Newton. A súa lei da Gravitación Universal dominaba a física do momento, pero entraba en conflito coa Teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein, que propoñía que a luz desviaba a súa traxectoria ata o dobre ante a presenza dun obxecto moi masivo debido á curvatura do espazo. Ante a falta dunha evidencia experimental, o astrónomo británico Arthur Stanley Eddington liderou un experimento: utilizar a eclipse de 1919 para fotografar as estrelas que se atopaban ao redor do disco solar antes e durante o evento e así comprobar se se producía a deflexión ou desviación da súa luz ao pasar preto do Sol.

Grazas ao escurecemento do ceo durante a totalidade da eclipse, os dous equipos ingleses que formaron a expedición científica puideron comprobar meses despois, ao revelar as placas fotográficas, que a posición dalgunhas desas estrelas se alterara. A súa luz, no canto de viaxar en liña recta, desviouse lixeiramente ao pasar preto do campo gravitacional do Sol.

Nesta conferencia, José Edelstein relatará a historia de como Newton quedou eclipsado definitivamente por Einstein, quen se converteu na celebridade mundial que perdura xusto un século despois.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2019.