Ir o contido principal

Charlas de Luzia Oca e Antonella Sturla

Cartel do evento
Cartel do evento
A Facultade de Humanidades conmemora o Día Internacional das Mulleres con conferencias sobre as relacións de xénero no contexto migratorio entre Cabo Verde e Galicia e sobre a busca dunha historia universal do teatro narrada desde as marxes

A Facultade de Humanidades conmemora o Día Internacional das Mulleres con dúas charlas que se desenvolverán este xoves 7 de marzo a partir das 11.00 horas no Salón de Graos do centro. A primeira titúlase 'A plasticidade da organización familiar caboverdiana e das relacións de xénero nun contexto migratorio entre Santiago e Galicia' e corre a cargo de Luzia Oca González, profesora axudante doutora de Antropoloxía Social na USC. Tomando como base un traballo etnográfico lonxitudinal entre a illa de Santiago (Cabo Verde) e a localidade de Burela (Galicia), a conferencia abordará os cambios nas tipoloxías de organización familiar a ambos lados da corrente migratoria que as une, partindo dunha perspectiva feminista que ten como base as teorías articulacionistas e a análise das categorías grupo doméstico e rede migratoria.

A segunda conferencia, que comeza ás 12.15 horas, titúlase 'Omisións, narracións e revolucións na escritura doutra historia do teatro' e será impartida por Antonella Sturla, doutora en Estudos Culturais pola USC, así como docente, dramaturga, directora de teatro e actriz. Na charla abórdase a historia do teatro universal, que convida a formular algunhas preguntas fundamentais: Quen narra a historia? Como é definido o teatro? Que perigos esconde o termo “universal”? O intento de responder esas preguntas revela unha necesidade de urxencia da teoría teatral: a construción doutra historia do teatro narrada desde as marxes en vistas a visibilizar as omisións e a favorecer a tarefa de espir o funcionamento e as consecuencias dunha rede dinámica que constitúe as interaccións entre o xénero, a cultura e a sociedade.

A organización das charlas realízana a Facultade de Humanidades e a súa Comisión de Igualdade, o Programa de Doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe e CIFEX. As dúas poden ser seguidas en directo a través de Microsoft Teams.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2024.