Ir o contido principal

Chega a Compostela unha exposición sobre pegada ecolóxica

A exposición ‘A pegada ecolóxica’ organizada pola Sociedade Galega de Educación Ambiental, a Federación Ecoloxista Galega e a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC comeza a súa andaina polo campus de Santiago, tras visitar o de Lugo. Durante esta semana pode visitarse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e xa a partir do 15 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación.
A través de catorce paneis o visitante pode ir familiarizándose co concepto de pegada ecolóxica e reflexionar sobre o impacto ambiental que teñen as súas actividades cotiás. Nesta exposición colabora a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, coa elaboración de tres paneis nos que se recollen algúns dos resultados da pegada ecolóxica da USC durante o 2007.
A pegada ecolóxica é un indicador que compara o consumo dun determinado sector de poboación coa limitada produtividade ecolóxica da terra e que permite comparar doadamente os hábitos de vida de diferentes poboacións ou incluso persoas. Ademais de coñecer o concepto de pegada, na mostra poderase calcular rapidamente unha aproximación á súa pegada e decatarse da débeda ecolóxica existente no planeta.
Ata finais do mes de febreiro a exposición tamén estará instalada nas Facultades de Medicina e Odontoloxía, Filosofía, Farmacia e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
Actividades paralelasAcompañando á exposición, dende a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, e en colaboración coa SGEA e a FEG, organízanse unha serie de actividades paralelas que teñen como obxectivo divulgar o concepto de pegada ecolóxica entre os membros da comunidade universitaria. A vindeira actividade será un seminario sobre consumo responsable dirixido aos bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria que terá lugar o luns 15 ás 12:00 na Aula de Proxectos da ETSE e o martes 16 á mesma hora na Escola de Formación de Profesorado de Lugo.
Neste seminario analizaranse unha serie de produtos comparando os importados fronte aos de produción local, elaborados e ecolóxicos... Haberá tamén un relatorio sobre consumo responsable.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2008.