Ir o contido principal

Chega a décimo cuarta edición dos Premios á Calidade Lingüística

Chega a décimo cuarta edición dos Premios á Calidade Lingüística
Chega a décimo cuarta edición dos Premios á Calidade Lingüística

A USC convoca unha nova edición dos seus Premios á calidade lingüística, que buscan fomentar o uso do galego entre o alumnado premiando os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de mestrado (TFM) redactados na nosa lingua no actual curso académico.

Concédense en total quince premios, un por cada grande área de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades) en cada unha das tres modalidades. Na categoría de traballos académicos de curso os premios serán de 150 euros cada un; na de TFG e PFC de 300; e na de TFM de 400 euros. En todos os casos reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

Os XIV Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación remata o 31 de xullo, no caso dos traballos académicos de curso, e o 2 de outubro nas restantes modalidades. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC.

Recursos A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

No web do Servizo de Normalización Lingüística, ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160 000 entradas, así como modelos de TFG e TFM.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2018.