Ir o contido principal

Chega a Lugo unha mostra para conmemorar o acceso libre da muller aos estudos universitarios

Estará na Biblioteca Intercentros ata o día 23

Unha selección das fotografías presentadas ao I Certame ‘Ruth Matilda Anderson’, convocado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC, poderase ver dende este venres 16 ata o día 23 na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.
Coa elección da fotógrafa estadounidense para dar nome á iniciativa recoñécese a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, ao tempo que se presta atención á súa obra, na que se inclúe un retrato da muller galega dos anos 20.
A exposición que agora chega a Lugo, que xa se puido visitar na Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia de Santiago así como na Facultade de Ciencias da Comunicación e a Biblioteca Concepción Arenal da USC, compóñena un total de vintecinco fotografías que se presentaron ao concurso, nas que se recoñece e exalta o traballo das mulleres en diferentes eidos, dende o mundo do campo ata o da investigación científica.
Esta mostra é unha das actividades organizadas este ano pola USC para conmemorar o centenario da Real Orde de 1910 pola que as mulleres tiñan acceso libre aos estudos universitarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2010.