Ir o contido principal

Chega a Santiago o MMP Música e Movemento Partillados

Chega a Santiago o MMP Música e Movemento Partillados
Chega a Santiago o MMP Música e Movemento Partillados
Trátase do II Encontro Eurorrexional Universitario de Artes Escénicas e Musicais

Compostela acolle este martes 28 e o mércores 29 a segunda edición do MMP ‘Música e Movemento Partillados’, un encontro cultural universitario das universidades galegas e as tres do norte de Portugal que se desenvolveu por primeira vez en 2016 na cidade portuguesa de Vila Real, sede da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

Desde hai tres anos, esas seis universidades traballan nun proxecto de cooperación cultural eurorrexional dentro do marco da Fundación CEER relacionado coas artes escénicas e musicais baixo o epígrafe ‘Música e Movemento Partillados’. A idea xurdiu da necesidade de compartir a cultura e a actividade artística xerada nesas institucións e de abrir unha canle de difusión cultural universitaria transfronteiriza que permita establecer sinerxías e fortalezas entre elas nese ámbito.

A primeira sesión do encontro, a deste martes, comezará ás 20:00 horas na Igrexa da Universidade –con entrada libre ata completar o aforo– con O Romance do Pergamiño, unha dramatización promovida pola Universidade de Vigo con Luís Corral “O Caruncho” (o cego) e Chus Iglesias (a lazarilla) contando a súa particular versión da historia do pergamiño Vindel, agora en Galicia chegado de Nova York. Despois intervirán o Fado Académico do Orfeão da Universidade de Porto cunha escolma de fados clásicos de Porto e o Ensemble de Percussão da Universidade do Minho que ofrecerá tres obras para marimba, vibráfono e caixa. Pechará o programa a Orquestra da USC interpretando dúas pezas orquestrais de Astor Piazzolla.

A segunda xornada desenvolverase o mércores 29 no Salón Teatro, tamén a partir das 20:00 horas, con entrada gratuíta pero con recollida previa de entrada na billeteira. Comezará coa proxección das tres curtas gañadoras do XV Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo nas modalidades de narrativa, animación e vídeo experimental. Logo, o grupo da Escola de Teatro da Aula de Teatro da USC ofrecerá a peza Sonche bicos, seguida das coreografías Clásicos Max Mix do Grupo de Danza Contemporánea da Universidade da Coruña e A trigonometría do strip-tease do Espazo de Danza da USC. O programa rematará co espectáculo Projeto 31 horas, de ‘Sons do Douro’, un colectivo vencellado á Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro que transforma pipas de viño en instrumentos musicais, mesturando os sons da percusión tradicional portuguesa cos ritmos contemporáneos.

Esta edición de MMP Música e Movemento Partillados conta co co financiamento do Concello de Santiago de Compostela, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Programa IACOBUS Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal, así como coa colaboración do AGADIC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2017.