Ir o contido principal

Chega á USC a terceira Xornada Mulleres na Ciencia coa participación de Marta Macho Stadler

Chega á USC a terceira Xornada Mulleres na Ciencia coa participación de Marta Macho Stadler
Chega á USC a terceira Xornada Mulleres na Ciencia coa participación de Marta Macho Stadler

A Oficina de Igualdade de Xénero e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal) organizan o vindeiro 1 de decembro a III Xornada Mulleres na ciencia, que desenvolverá na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. O prazo de inscrición na xornada, gratuíta, remata o 30 de novembro ás 12:00 horas .

O encontro contará nesta ocasión coa participación de Marta Macho Stadler, profesora da Universidade do País Vasco, divulgadora científica e editora do blog Mujeres con ciencia, que pronunciará a conferencia ‘Mulleres con ciencia: ciencia sen mulleres?’. Tras ela terá lugar a asemblea de AMIT-Galicia.

Marta Macho é licenciada en Matemáticas pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU) e obtivo o Diploma de Estidos Avanzados en Matemáticas Puras pola Université Claude Bernard de Lyon (Francia), onde se doutorou en 1996. Actualmente é profesora agregada de Xeometría e Topoloxía na UPV/EHU.

Dende hai anos participa en numerosas actividades en pro da divulgación das matemáticas, a cooperación ao desenvolvemento e a visibilidade das mulleres nas matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía. Non en van, Marta Macho formou parte da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) de 2004 a 2009 e coordina o ciclo ‘ Ellas hacen ciencia’ que acolle cada ano a biblioteca Bidebarrieta de Bilbao. É ademais coautora de ‘ Mujeres en la Ciencia’, una guía didáctica sobre o papel das mulleres na historia da ciencia.

En 2015 recibiu o Premio Igualdade da Universidade de Alacante polas súas accións a favor da visibilización das achegas das mulleres científicas no progreso social e a Medalla da RSME polo seu labor de divulgación das matemáticas, o seu compromiso coa igualdade e por tender pontes entre o profesorado de diferentes niveis educativos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2017.