Chegaron a Santiago os participantes nas actividades do campamento matemático internacional MatCampus 2010
O programa de actividades de MatCampus 2010 chegou a Santiago este luns logo do desenvolvemento da primeira parte deste campamento matemático en Braga (Portugal) a pasada semana. Nel participan corenta rapaces e rapazas de Galicia e Portugal para asistir a charlas, obradoiros, visitas científicas, música, papiroflexia, teatro..., un conxunto de iniciativas dirixidas a estimular as actitudes positivas e as habilidades especiais dos participantes cara ás Matemáticas. Esta segunda quenda do campamento, xa en Compostela, comezou cun acto de apertura na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Presidido polo vicerreitor de Estudantes e Formación Continua Francisco Durán, nel estiveron presentes ademais a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; e a decana da Facultade, Victoria Otero Espinar. O MatCampus 2010 diríxese a estudantes de 1º de Bacharelato -entre 16 e 17 anos- de todos os centros de ensino medio de Galicia e Portugal. O alumnado galego, 11 rapazas e 10 rapaces, escolleuse polas súas aptitudes para as matemáticas entre as múltiples solicitudes remitidas, pertencendo ás localidades de A Coruña, Silleda, Redondela, Padrón, Feáns, Vigo, Monforte, Lugo, Santiago, Chantada e O Grove. Programa completo en Santiago En Santiago as sesións da mañá dedicaranse a conferencias, obradoiros e actividades científico-pedagóxicas na Facultade de Matemáticas e no CIEF da Fundación Caixa Galicia. Como exemplo destacado, participarán o director do Instituto de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, cunha charla sobre matemáticas e xenética, e o reitor da Coruña, José María Barja, cun obradoiro sobre calendarios. As quendas de tarde destinaranse a visitar lugares de interese científico como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a empresa Castrosua, os museos científicos de A Coruña e un paseo matemático pola cidade de Santiago. O campamento rematará na tarde do venres 30 de xullo coa representación, aberta ao público xeral, da obra Innumeros, Números dos actores Cesar Goldi y Vicente de Souza Modelo de referencia europeo A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do Minho (Braga, Portugal) e o Centro Internacional de Matemática (Portugal) queren establecer unha colaboración internacional que poida servir de referencia como modelo europeo de campus matemáticos para xuventude noutros países ou rexións, consolidando así a Galicia e Portugal no panorama europeo da educación matemática. O apoio económico para este evento en Santiago está garantido pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Secretaría Xeral de Igualdade, a Fundación Caixa Galicia, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia. Ademais, a actividade conta co aval científico da Real Sociedad Matemática Española, a Sociedad Española de Matemática Aplicada, a Sociedad de Estadística e Investigación Operativa e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións. De dereita a esquerda, Victoria Otero, Ovidio Rodeiro, Francisco Duran; Marta González e Mercedes Rosón