Ir o contido principal

Chegaron a Santiago os primeiros estudantes de secundaria que esta semana coñecerán o campus

Chegaron a Santiago os primeiros estudantes de secundaria que esta semana coñecerán o campus
Chegaron a Santiago os primeiros estudantes de secundaria que esta semana coñecerán o campus

As primeiras remesas de estudantes de secundaria de centros de toda Galicia que esta semana coñecerán o Campus de Santiago comezaron este martes os seus percorridos nas residencias universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa.

Serán en total 2.700 alumnos e alumnas pertencentes a 55 centros das catro provincias os que, repartidos en diversas quendas, percorran ata o xoves as facultades e instalacións universitarias que son da súa preferencia e nas que poderán saber máis sobre as carreiras, as materias a cursar ou as posibles saídas laborais. Pero ademais poderán tamén asistir a unha clase real de primeiro curso e nalgún caso coñecer os laboratorios de clases prácticas.

Nestes Encontros na Zona USC que organiza o programa A Ponte, os titores e titoras do alumnado de primeiro curso son os encargados de dirixir aos visitantes polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC.

Itinerarios
Están deseñados catorce itinerarios que percorrerán os centros do Campus Norte e de Campus Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programadas visitas a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía.

En Campus Vida, con saída á mesma hora dende a Residencia Monte da Condesa, realizaranse visitas a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Química e Física; Óptica e Optometría; e Psicoloxía e Ciencias da Educación.

O programa complétase con visitas, pola tarde, ao patrimonio histórico da USC, o Museo de Historia Natural, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, as residencias universitarias e a Cidade da Cultura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2016.