Ir o contido principal

A choiva de decembro motivou que en Compostela a seca de 2017 non fose histórica

A choiva de decembro motivou que en Compostela a seca de 2017 non fose histórica
A choiva de decembro motivou que en Compostela a seca de 2017 non fose histórica
Igualmente, foi o ano con maior insolación dos últimos 25

As choivas do pasado mes de decembro, e especialmente os 100,5 litros/m2 do día 10, permitiron que 2017 non fose un ano histórico de seca na cidade de Compostela, segundo informa o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Mesmo así, destacan a seca do mes de abril e a que tivo lugar desde xuño ata outubro, ambos os dous incluídos.

No seu resumo do pasado ano na cidade, o Observatorio que dirixe José Ángel Docobo cifra en 1.337,1 os litros por metro cadrado recollidos na súa estación en 2017, unha crifra superior á dos anos 2007, 1990, 2011 e 2015 en Compostela. Iso si, os datos tampouco falan dun ano chuvioso: o número de días sen precipitación en 2017 sobrepasou a metade (53,4%), e se non contamos aqueles con choiva inapreciable (menos de 0,1 litros/m2) a porcentaxe se elevaría ao 60%.

Temperaturas En canto ás temperaturas, a máxima do ano na cidade foron os 36,5 graos do 21 de agosto, seguida de dous días de xuño. En total, pasouse dos 30º en 15 xornadas, destacando os días 8 e 10 de outubro.

Pola contra, a temperatura mínima foi de -1º8 e tivo lugar o 25 de xaneiro, un mes no que houbo outros sete días con mínimas negativas. A máxima máis baixa tivo lugar o 22 de marzo con só 7º1, mentres que a noite máis cálida correspondeulle ao 20 de xuño cando os termómetros non baixaron dos 19º6.

Ademais, en 2017 bateuse o récord de insolación dos últimos 25 anos, con máis de 2.350 horas de sol, o que representa un 53,6% das posibles en Compostela. Así, fronte ás 32 xornadas sen sol, cómpre destacar os 117 días con máis de 9 horas e os 99 con insolación entre 6 e 9.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2018.