Ir o contido principal

O ciclo 'Unha Andaina pola Matemática' profunda no papel da muller na astronomía

A profesora Josefina Ling pronunciará unha conferencia sobre o proxecto 'Ela é unha astrónoma'

O ciclo de divulgación ‘Unha Andaina pola Matemática’ abordará na súa próxima sesión o luns 4 de maio as particularidades do proxecto ‘Ela é unha astrónoma’, incluído no programa do Ano Internacional da Astronomía 2009. A profesora do Departamento de Matemática Aplicada Josefina Ling explicará as actividades que se están desenvolvendo ao abeiro deste programa a prol da visibilización das achegas de vida e de ciencia dalgunhas astrónomas excepcionais de diferentes épocas e países.
Esta nova sesión do ciclo matemático celebrarase o luns 4 de maio a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. A profesora Ling tratará de sintetizar como a astronomía moderna non se pode concibir sen o traballo realizado por todas aquelas mulleres que transmitiron o seu legado, “o labor das mulleres no desenvolvemento desta ciencia foi e segue sendo fundamental”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2009.