O ciclo 'A Astronomía que vén' profunda nas particularidades dos raios gamma
Abelardo Moralejo, do Instituto de Física d’Altes Energies de Cataluña, pronuncia este xoves 26 unha conferencia dentro do ciclo ‘A Astronomía que vén’. Será a partir das 19:00 horas na Aula Magna da Facultade de Física e versará sobre ‘Astronomía de Raios Gamma: Unha ventá ao Universo Extremo’.
Ao longo do século XX desenvolvéronse diversas técnicas que abriron novas ventás ao estudo do denominado universo "invisible", dende as ondas de radio ata os máis enerxéticos raios gamma.
Neste senso, Moralejo referirase a un campo, o da astronomía gamma, “particularmente arduo”. A atmosfera terrestre é opaca a este tipo de radiación e ademais non existen espellos ou lentes capaces de enfocalos nin reflectilos polo que os instrumentos de observación, moi distintos dos telescopios convencionais, so puideron desenvolverse moi recentemente, explica o conferenciante.
A meirande parte dos obxectos celestes coñecidos apenas emiten radiación de tan alta enerxía, “necesítanse condicións físicas extremas, como as existentes nas proximidades dun buraco negro ou as resultantes de grandes explosións estelares, para producir unha cantidade apreciable desta radiación” aclara Abelardo Moralejo.
Na conferencia se presentará o estado actual desta rama da astronomía, con especial énfase nas bandas de alta e moi alta enerxía, explicando as técnicas de observación e os resultados recentes.