Ir o contido principal

O ciclo de cine sobre a revolución rusa debate na segunda sesión a visión de Hollywood a comezos da década dos 80

Co lema ‘A visión de Hollywood a comezo da década de 1980’, o ciclo de ciclo ‘Centenario da(s) revolución(s) rusa. Un debate histórico’ celebra este mércores 25 a súa segunda sesión coa proxección de Rojos (W. Beatty, 1981). Coordinarán a xornada o profesor Xosé Nogueira e o historiador Manuel Barreiro, tendo continuidade o día 8 de novembro coa celebración do debate arredor do mesmo filme e do libro de J. Reed Diez días que estremecieron al mundo (1919).

Os grupos de investigación da USC SÍNCRISIS, HISTAGRA (BETA +) e Historia do Cine organizan este ciclo de conferencias e proxeccións de cine sobre a revolución rusa cando se compren 100 anos do proceso. A desenvolver entre o 18 de outubro e o 29 de novembro, esta é unha iniciativa que se dirixe a alumnado de historia, profesores de ensino secundario e público en xeral.

Son un total de seis sesións de tres horas de duración no Paraninfo das Universidade –nas tardes dos mércores a partir das 19.00 horas– co audiovisual e o debate como liñas esenciais e pensadas para profesionais do ensino en ciencias sociais, cun coñecemento previo amplo. Quen desexe participar debe inscribirse previamente no correo electrónico departamento.historia [at] usc.es (departamento[dot]historia[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2017.