Ir o contido principal

Un ciclo de conferencias en Matemáticas repasará as aplicacións que ten a bioestatística en ámbitos da vida moi diversos

Cartel do ciclo coa programación para este mércores
Cartel do ciclo coa programación para este mércores

‘O tamaño importa ou non importa’, polo profesor Arturo González Quintela, e ‘A boca das persoas con síndrome de Down. Anatomía dun burato negro’ a cargo de Pedro Diz Dios, son as dúas conferencias coas que comezará este mércores 3 ás 16.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o ciclo ‘Bioestatística para vivir’. Esta é unha iniciativa que organizan a Rede Galega Inbioest, o grupo interdisciplinar de Bioestatística (GRIDECMB-USC) e o grupo Brainshark-USC. No seu conxunto, o ciclo é unha xornada estruturada en cinco charlas a cargo de investigadores de recoñecido prestixio, marcadas cun enfoque divulgativo e dirixidas a todos os públicos. A súa finalidade é difundir as diversas aplicacións que ten a bioestatística en ámbitos da vida moi diversos.

Completarán a quenda de intervencións Carola Gómez Rodríguez, de Zooloxía e Antropoloxía, coa intervención a partir das 17.15 horas titulada ‘Que medimos cando falamos de biodiversidade’; Fernando Muñoz Guzón co relatorio ‘Uso da estatística na experimentación animal’ e Carlos Lago Penas, da Área de Deportes, co tema ‘Sería Pelé unha estrela no fútbol actual?. O uso da estatística para comprender e adestrar mellor o xogo’.

Esta é unha actividade de carácter gratuíto para a que é preciso realizar unha inscrición previa que se pode formalizar ata este martes 2 de maio cubrindo o formulario dispoñible na web http://www.icbusc.com/event/ciclo_bioestadistica_inbioest_2017. As persoas que así o soliciten poderán recibir un certificado de asistencia. Na súa celebración colaboran a Facultade de Matemáticas e a spin-off Biostatech.

InBiost
A Rede INBIOEST, foi creada no ano 2014 e que coordina a catedrática Carmen Cadarso, está composta por sete grupos de investigación pertencentes ás universidades de Santiago de Compostela (USC)e da Coruña (UDC) e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). A principal finalidade desta rede é a de potenciar a investigación da bioestatística e a súa aplicación en diversas áreas das Ciencias da Vida e a Saúde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2017.