Ir o contido principal

Un ciclo de conversas profunda nas políticas e nos dereitos culturais da cidadanía

O obxectivo desta programación é incorporar voces e visións que enriquezan o debate. Imaxe de arquivo de aumnado nun centro da USC. FOTO: Santi Alvite
O obxectivo desta programación é incorporar voces e visións que enriquezan o debate. Imaxe de arquivo de aumnado nun centro da USC. FOTO: Santi Alvite
Trátase dunha iniciativa do Curso de Expertx Universitarix en Xestión e Innovación Cultural da USC que bota a andar este mércores 19 coa investigadora, xestora cultural e deputada na Asemblea de Madrid, Jazmín Beirak, como protagonista
Santiago de Compostela

O Curso de Expertx Universitarix en Xestión e Innovación Cultural da USC pon en marcha un programa de conversas para afondar, da man de profesionais diversos, nas políticas culturais e nos dereitos culturais da cidadanía. Trátase de cuestións moi presentes tanto na axenda política como nos espazos de encontro do sector cultural e, de igual maneira, na actual edición do CEU en Xestión e Innovación Cultural. O obxectivo desta programación é incorporar voces e visións que enriquezan o debate e compartir coñecemento con todas aquelas persoas, vinculadas ao eido cultural, con interese profesional nestas cuestións.

A primeira proposta terá lugar este mércores 19 de abril, ás 20.30 horas na libraría Numax, coa investigadora, xestora cultural e deputada na Asamblea de Madrid, Jazmín Beirak, como protagonista. O fío condutor da conversa será o seu ensaio Cultura ingobernable. Políticas e dereitos culturais, o papel da comunidade ou a propia definición de cultura serán algunhas das cuestións abordadas nesta charla, que estará guiada polo investigador e mediador cultural, coordinador da iniciativa Concomitentes e docente do Curso, Fran Quiroga. A entrada nesta proposta é libre ata completar a capacidade do local.

Enfoques dos dereitos culturais

A segunda das propostas impulsadas dende o CEUXiC celebrarase o xoves 20 de abril ás 11.00 horas no Consello da Cultura Galega. Neste caso, trátase do Encontro Políticas e Dereitos Culturais, que comezará cunha presentación e breve panorámica das iniciativas lexislativas, estatais e internacionais, promovidas arredor dos dereitos culturais da cidadanía. Será Sergio Lago, coordinador do CEU en Xestión e Innovación Cultural, quen ofreza esta visión inicial.

O Encontro permitirá coñecer de preto os detalles da Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, actualmente en fase de tramitación. Unha normativa que dende a Xunta se presenta como pioneira no contexto estatal e da que falarán polo miúdo Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Carmen Calviño, subdirectora xeral de Arquivos e Museos. Logo da súa intervención, terá lugar unha mesa redonda baixo o título ‘Dereitos culturais, puntos de consenso para unha protección lexislativa’. Nesta conversa, moderada por Sergio Lago, participarán Jazmín Beirak e o xestor cultural e asesor de Cultura da Deputación da Coruña Xavier Campos. Esta actividade é tamén de entrada libre ata completar a capacidade da sala.

#aprendercompartindo

Esta programación enmárcase na vontade do CEU en Xestión e Innovación Cultural de xerar coñecemento aberto e espazos de encontro arredor da xestión cultural, poñendo en práctica o seu lema #aprendercompartindo. Baixo esta filosofía o Curso ten impulsado propostas divulgativas como a publicación A xestión cultural en Galicia ou participado en diversas actividades, como a xornada Como facer a cultura máis accesible? (novembro de 2022) ou a proposta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural Coidar de nós, para coidar da cultura (febreiro 2023), entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2023.