Ir o contido principal

O ciclo 'Historia e Cine: Miradas da Historia Contemporánea' comeza coa proxección de 'El bosque animado'

Durante a xornada inaugural, o profesor Luís Miguel Fernández repasará a evolución da historia a través do cine

O ciclo ‘Historia e Cine: Miradas da Historia Contemporánea’, organizado polo Departamento de Historia Contemporánea e de América en colaboración cos alumnos da licenciatura de Historia, comeza este xoves 15 ás 16:30 horas na Facultade de Filosofía coa conferencia ‘A Historia a través do Cine’ que pronunciará o profesor de Humanidades da USC, Luís Miguel Fernández Fernández. Deseguido, ás 17:00 horas, o presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares Paz, presentará a proxección do filme ‘El Bosque Animado’.
A emisión da película ‘Raza’ abrirá a segunda xornada do ciclo o venres, día 16, ás 11:00 horas na Facultade de Historia. O profesor da USC Emilio Grandía Seoane será quen comente esta longametraxe. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, proxectarase a película ‘Rojo y Negro’ a cargo do profesor de Historia da Universidade de Santiago, Manoel Núñez Seixas. A continuación, estes dous profesores debaterán cos asistentes os temas abordados ao longo da xornada.
Durante os días 17, 22, 23 e 24 de marzo, os participantes asistirán a emisión dos filmes ‘La verdad sobre el caso Savolta’; ‘O afundimento’; ‘Vencedores e vencidos’; ‘A sal da terra’; ‘As uvas da ira’ e ‘Patrimonio Nacional’. Todos eles continuarán sendo comentados por profesores e investigadores da Universidade de Santiago e da do País Vasco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2007.