Ir o contido principal

O ciclo Lubicán ofrecerá concertos os cuartos xoves de cada mes en Lugo

Representantes de Lugo Cultural presentaron o ciclo de concertos Lubicán
Representantes de Lugo Cultural presentaron o ciclo de concertos Lubicán
O programa comeza o día 25 de marzo e inclúe unha actuación de Berrogüetto

Representantes de Lugo Cultural presentaron este luns 15 a terceira edición do ciclo de concertos Lubicán, que pretende achegar ao público a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
O programa de concertos desenvolverase todos os cuartos xoves de cada mes, dende marzo ata xuño, coa participación de representantes de estilos tan diversos como o jazz, o flamenco, o folk ou o pop.
A actuación do grupo Sumrrá dará comezo ao ciclo Lubicán o día 25 de marzo cun concerto na Escola Universitaria de Formación do Profesorado. Este programa musical continuará o 22 de abril coas actuacións de Marcos Teira e Lar Legido, e Aló Irmao na Praza de Santa María; o 20 de maio terá lugar a actuación de Berrogüetto no Auditorio Gustavo Freire; e o 24 de xuño Sonoro Maxín dará o recital que pechará este ciclo na Praza de Santa María.
A entrada a todos os concertos será gratuíta, agás no caso de Berrogüetto, cuia recadación se destinará á compra da casa de Manuel María en Outeiro de Rei para convertela en casa-museo. Estas entradas poderanse adquirir dende o 6 de abril na Oficina de Cultura do Campus de Lugo.
Á presentación do programa de concertos do ciclo Lubicán asistiron a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez; e o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2010.