O ciclo 'O órgano da Compañía doutra maneira' conxúgase coa danza histórica
‘Paisaxes orgánicas. Danzas palacianas e de teatro concertadas ao órgano’ é a nova proposta musical que se deixará escoitar este martes, día 2 de xuño, na Igrexa da Universidade da man do ciclo ‘O órgano da Compañía doutra maneira’. Comezará ás 20:30 horas e estará protagonizado por Soledad Mendive, ao órgano, acompañada de Erregelak Obradoiro de Danza Histórica.
Trátase dunha proposta na que a música de órgano mesturarase cunha proposta coreográfica que toma como referencia pasaxes de ‘Ameno huerto de flores de música” de Antonio Martín y Coll (1680-1734), organista na igrexa na igrexa de San Diego de Alcalá de Henares e na Basílica de San Francisco el Grande de Madrid.
Martín y Coll publicou a comezos do XVIII unha colección de música para órgano de catro volumes titulada ‘Flores de música’ no que compilou varios centos de obras de diversos autores españois e europeos. Unha parte substancial do libro compóñena as danzas. Na Península Ibérica, en particular, atópanse abundantes exemplos de danzas nos libros para guitarra barroca.
Partindo desta base, o programa que se poderá gozar este martes na Igrexa da Universidade agrupa en tres bloques principais as danzas, chamados bayletes, bailadas en diferentes estilos, actuando como “entreacto” a música de órgano a solo.